O columnista e escritor foi galardonado porque os seus textos provocan unha reflexión discreta no lector
17 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O escritor e xornalista Víctor F. Freixanes (Pontevedra, 1951) recibirá o venres 23 de xaneiro o Premio de Xornalismo Carlos Casares, que entrega o Concello de Xinzo de Limia. O acto terá lugar na igrexa vella de Santa María ás 20.30 horas. Estes galardóns recoñecen «o xornalismo literario como un campo que transcende a propia literatura, estendéndose a ámbitos como a política, a pintura, o fútbol ou os costumes da xente». O xurado valorou nesta edición a orixinalidade e eficacia narrativa de Víctor F. Freixanes, que presenta textos onde «falar dunha cousa leva a outras» e que provocan a reflexión discreta do lector.
O xurado que fallou o premio estivo presidido por Carlos Gómez Salgado, concelleiro de Cultura, e composto tamén por Carlos Xavier Ares Pérez, da Fundación Carlos Casares, a escritora Stella Strada e a xornalista Pilar Cernuda, que gañou a edición do 2024. Gustavo Garrido, da Fundación Carlos Casares, actuou como secretario, con voz pero sen voto.
Víctor F. Freixanes é columnista de La Voz de Galicia, xornal co que colabora desde 1976. Foi director de Edicións Xerais e da Editorial Galaxia. Foi presidente da Real Academia Galega (RAG) ata o 2025 e é membro do Consello de Cultura Galega.
Como narrador, Freixanes é autor de obras como O triángulo inscrito na circunferencia (1982) ou de Cabalo de ouros (2010).