Novos talentos para o universo Casares

Fina Ulloa
Fina Ulloa OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Íker, Nerea e María con Javier Casares, presidente da fundación que organiza o concurso, xunto a un retrato do autor
Íker, Nerea e María con Javier Casares, presidente da fundación que organiza o concurso, xunto a un retrato do autor MIGUEL VILLAR

Nerea Paz Martínez, Iker Domínguez Porto e María Fernández García recibiron os premios do concurso de relatos curtos

30 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Emocionada e agradecida. Así dicía sentirse na tarde de onte Nerea Paz, alumna de bacharelato no IES Lagoa de Antela, de Xinzo, pouco antes de subir ao escenario do Liceo para recoller o Premio de Relatos Curtos Carlos Casares.

«Encántame escribir e teño tido algún premio escolar, pero nunca participara en algo convocado por unha entidade externa», contaba esta moza de 16 anos que, segundo confesaba, síntese máis cómoda na poesía que na narrativa. A súa historia, na que unha muller vella era a única que se atrevía a falar coa morte, impresionou ao xurado que destacou no fallo «o excelente dominio da linguaxe e dos recursos narrativos».

Nerea recibiu o seu agasallo —unha colección de libros de Carlos Casares e unha fin de semana nun balneario— de mans de Javier Soto, xerente do Grupo Caldaria que, ao igual que a Deputación de Ourense, colabora coa Fundación Carlos Casares para este certame que busca novos talentos da escrita. Tal e como lembrou Javier Casares, o presidente da fundación, seu irmán tiña moita confianza na capacidade das novas xeracións.

Nesta segunda edición do certame recibíronse 24 traballos. Entre eles estaban os de Íker Domínguez Porto e María Fernández García, ambos alumnos do IES Carlos Casares de Viana do Bolo, que tamén recibiron os seus agasallos como finalista e accésit, respectivamente.