Xosé Lois Foxo reuniu arredor de medio milleiro de cantos de diferentes xéneros
25 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Consello da Cultura Galega (CCG) acolleu a presentación do Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo, un volume elaborado polo musicólogo Xosé Lois Foxo que reúne arredor de medio milleiro de cantos tradicionais recollidos neste territorio ourensán desde 1962 ata o 2024. A obra, editada co apoio da Xunta, a Deputación de Ourense e o Concello do Bolo, constitúe un traballo exhaustivo de documentación musical, sociolingüística e etnográfica. Inclúe transcricións das pezas, notación musical, soportes sonoros e videográficos, así como preto de 500 imaxes que ofrecen unha panorámica detallada da vida cultural e social da comarca.
O estudo introdutorio analiza o contexto histórico, musical e social das Terras do Bolo, coa atención posta no papel das cantareiras, pandeireteiras, cegos coplistas, rapsodas e gaiteiros na transmisión deste patrimonio oral. Explica tamén as características dos romances tradicionais, coplas modernas, variantes melódicas e trazos lingüísticos propios da zona. O cancioneiro recolle preto de 500 cantos de diferentes xéneros —romances, coplas, de traballo, de Reis e aninovos, aguinaldos, relixiosos e de berce, e do ciclo anual e festivo— procedentes de aldeas como Lentellais, Outardepregos, Chao das Donas, Teixido, Celavente, Tuxe, Buxán e Navallos.
Cada peza inclúe información sobre a localidade e o contexto, así como notas explicativas sobre o seu significado comunitario. O volume complétase cun índice de melodías e de audios que permite localizar rapidamente os rexistros sonoros asociados, preservando a autenticidade das interpretacións orixinais.
Na presentación participaron a presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o secretario xeral de lingua, Valentín García; o deputado provincial da Deputación de Ourense, Rosendo Luís Fernández; e o autor do libro, acompañados dun grupo de veciños de O Bolo que realizaron unha pequena demostración. «Trátase dun cancioneiro humanístico, próximo á xente», dixo Xose Lois Foxo. A presidenta do CCG subliñou que a obra documenta con rigor unha parte esencial do patrimonio inmaterial e resaltou a importancia de preservar e difundir este legado. «Un tesouro cultural que nos identifica como comunidade e que forma parte dunha tradición milenaria en permanente renovación», afirmou. Rosendo Luís Fernández destacou que potenciar o tradicional é a mellor maneira de ser progresista, mentres que Valentín García apuntou que este traballo é a base na que beben as novas xeracións de creadores, nomeadamente músicos, que están a traballar hoxe e con grande fortuna.