Víctor Fernández, da primera xeración de mestres de música: «Non me importaban as aptitudes dos nenos, quería que lles gustase»
OURENSE
O profesor ourensán xubilouse pero non perde o vínculo ca súa paixón, como músico, cantante e director de coro
09 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Ata o ano 1991 a música non era unha materia regrada nos colexios. Un dos profesores da primeira xeración que impartiu esta disciplina foi Víctor Vicente Fernández (Ourense, 1959). Moitos dos que aterraron aquel ano nas aulas entre instrumentos apenas tiñan coñecementos, pero non era o seu caso. A música foi a súa paixón dende neno e puido cumprir iso de traballar dunha afección e non dunha profesión. Ese amor pola disciplina foi o que intentou ensinar aos nenos, o que parece que deu os seus froitos: creou decenas de músicos e mantén unha estreita relación cos exalumnos. Este mes de setembro xubilouse aos 66 anos. Pouco lle cambiou a vida: «Teño máis tempo polas mañás, pero as tardes seguen cheas de música».
A familia de Víctor é toda de mestres. Por iso estudou Maxisterio, aínda que despois desviouse un pouco do camiño. Licenciouse en Historia e exerceu como arqueólogo. «O traballo era moi esporádico así que cando saíron as oposicións para profesor de música por primeira vez, presenteime», lembra. Como afeccionado xa tiña os coñecementos. Aprendeu a tocar aos 11 anos cando estaba interno no Seminario, comezando ca bandurria, a mandolina ou o laúde para despois pasar á guitarra e tamén por varios cursos de conservatorio en diferentes instrumentos. Aos 15 anos formou un grupo cos seus amigos co que ía tocar as festas: «A verdade é que gañabamos algúns cartos e dábame independencia na casa». A mocidade non foi fácil para a súa xeración ca «hecatombe» que provocaron as drogas a mediados dos 70, sobre todo entre músicos, pero lembra que, por sorte, ningún dos seus amigos caeu.
Aínda que tiña alma de músico, empezar a dar clases teóricas dunha materia que non existía tamén supuxo unha aprendizaxe para el. Formouse en pedagoxía activa, que foi o que aplicou toda a súa carreira. Pasou por varios centros de Ourense, Ribadavia, e quedou definitivo en Cortegada. Traballou 22 anos como director. «Os nenos aprenden con instrumentos ou actividades, sempre están facendo algo», explica. Comezaron a bailar, cantar, tocar pandeiros, chaves, triángulos ou percusión corporal. Sempre quedaban con ganas de máis e a clase pasaba enseguida. «Non me importaban as aptitudes, non pretendía formar músicos, só quería que lles gustase a música», defende. Non valoraba máis a formación dun neno de conservatorio que a actitude, a solidariedade ou o traballo en grupo. Relata que na súa aula acababan moitos nenos da denominada «educación especial», dos que chegaban novos ou dos que tiñan problemas para relacionarse. «Moi poucas veces me vin obrigado a suspender, pero por comportamento si, eu dicíalles: non molestes na clase que vas aprobar igual!», conta. Víctor non deixou de aprender e cambiar a metodoloxía segundo a que mellor lle parecera para os nenos. Por exemplo, hai sete anos que substituíu a clásica frauta por un ukelele, xa que defende que ten máis posibilidades.
A música traspasou a hora semanal de clase —nunca collendo o recreo— cando o mestre comezou a formar grupos instrumentais cos alumnos. Captaba aos nenos que xa tocaban e querían xuntarse e quedaban despois de clase os venres para comer a ensaiar. Presentáronse a varios concursos nos que acadou altos postos a nivel autonómico. Creou durante moitos cursos un estreito vínculo cos estudantes cos que incluso organizou cada ano unha excursión á neve. «Cando cheguei a Cortegada non había nin radiocasete e despois duns anos os nenos de case tódolos cursos xa tiñan esquís para ir á neve», relata. Moitos dos seus estudantes seguen sendo músicos e os seus amigos. Despois de mais de 30 anos deixou atrás as aulas: «Os meus amigos non o crían». Confesa que bota de menos aos nenos pero defende ás novas xeracións de mestres de música que si están preparados e van máis alá do solfexo para transmitir, como el, unha paixón.
Director de catro coros de nenos e cantante en tres
Dentro do mundo da música, ao que Víctor pertence dende varios aspectos, hai un que ten un oco especial: os coros. Segue sendo, de xeito gratuíto como actividade extraescolar, o director das agrupacións de nenos nos colexios de Curros Enríquez, Inmaculada e Mestre Vide. Tamén tivo durante anos un coro permanente en Ribadavia, que foi co que conseguiu un maior recoñecemento. Ademais, o ano pasado foi un dos promotores de Cuquiños, o coro universitario infantil. Aglutina nenos dos outros tres grupos e pode chegar a xuntar máis de trinta. «Este ano xa comezamos a cantar a dúas voces, imos avanzando», conta.
Tamén está do outro lado, cantando na Capela Madrigalista, no coro universitario e nun grupo de cámara con profesores de conservatorio. «Gústame tanto cantar como tocar, que foi máis unha insistencia», apunta. Fóra deste rexistro, segue xuntándose cos seus amigos de sempre nunha banda ca que seguen montando «mogollón de temas».
DNI
Quen é. Víctor Vicente Fernández naceu en Ourense en 1959.
Ocupación. Estudou Maxisterio, despois Historia e Xeografía para traballar de arqueólogo pero a súa paixón é a música. Foi da primeira promoción de mestres de música por oposición, en 1991. Exerceu como tal ata este ano. Fundou varios grupos e coros infantís en diferentes colexios de Ourense.
O seu espazo. A Universidade é o seu barrio e tamén onde canta no coro e dirixe a agrupación de nenos, Cuquiños.