O centro cultural Marcos Valcárcel acolle a exposición
18 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Ata o 30 de xuño • Centro Cultural Marcos Valcárcel • O centro cultural da Deputación acolleu este venres a inauguración da exposición colectiva «Tributo ao legado do poeta Eduardo González Ananín». Un total de 60 artistas, referentes na plástica en Galicia, fan a súa particular homenaxe ao poeta de Tibiás (O Pereiro de Aguiar).
Pintores e escultores como Paco Leiro, Menchu Lamas, Quintana Martelo, Pamen Pereira son algúns dos nomes que ofrecen a súa visión artística nesta exposición multidisciplinar, posible grazas á colaboración coa Fundación Artiaga, que xuntou a máis de medio cento de artistas da plástica galega para esta homenaxe.
Eduardo González Ananín naceu en Tibiás (O Pereiro de Aguiar) en 1926. Na súa infancia na escola unitaria do seu pobo recibiu a influencia do profesor, Manuel Luis Acuña, ó que admiraría sempre.
Emigrou a Arxentina en 1951, onde desenvolvería toda a súa profesión.
Ó longo da súa vida non deixou de sentir o desarraigo, que permaneceu vivo cando regresou a España. A súa casa en Arxentina converteuse nun punto de encontro permanente para a colectividade galega, que atopou en Ananín e na súa familia un refuxio e unha conexión coas súas orixes. Luis Seoane, Alberto Vilanova, Laxeiro ou Alberti son personalidades que encontraron acollida co poeta de Tibiás.
Entre os traballos, figura unha instalación con un proxecto novidoso de neurotecnoloxía e multisensorial, inspirado en «Padre Roble», un dos poemas emblemáticos de Ananín. Os visitantes poden utilizar unhas diademas que transmiten as súas sensacións neurolóxicas a unha pantalla.