Ana Pontón: «As mulleres de Ourense teñen que vir a parir a un hospital que se cae a cachos»
OURENSE

A líder nacionalista empraza a Rueda a que lle pida perdón aos ourensáns pola discriminación en materia de sanidade pública e que comprometa os prazos para as obras pendentes
14 abr 2025 . Actualizado a las 16:12 h.«Esta é unha situación dantesca froito dos dezaseis anos de recortes e privatización da sanidade pública por parte do PP e do actual goberno do señor Rueda», así se manifestou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nunha rolda de prensa ofrecida ao pé do Hospital Materno Infantil de Ourense. No centro sanitario rexistrouse hai uns días a caída do teito nunha das zonas de atención ao público e ao pouco tempo houbo un asolagamento nas instalacións do Hospital Cristal Piñor, aos poucos metros do anterior.
Para Pontón o que está a acontecer en Ourense é o mellor exemplo do resultado destes anos de recortes das prestacións na sanidade pública e o desvío de fondos cara á sanidade privada. «A situación que se está a dar aquí é dantesca. As mulleres de Ourense teñen que vir parir a un hospital que se cae a cachos e os nenos e as nenas están obrigados a vir a que os atendan nun hospital onde se lles cae o teito enriba. E o pior é que non é a primeira vez que isto pasa porque nos últimos tempos houbo tres derrubos», lembrou. A portavoz nacional do BNG preguntouse publicamente «que máis ten que pasar para que o señor Rueda veña a dar a cara e a pedirlle desculpas á cidadanía de Ourense pola situación na que se atopa o Hospital Materno Infantil e, sobre todo, para que o señor Rueda aporte solucións aos problemas da sanidade pública de Ourense». Referiuse a que non se chegara a actual situación por casualidade, recordando que os profesionais do sector e os usuarios levan tempo denunciando «a situación lamentable» do Materno Infantil.
Ademais de reiterar que infraestruturas como as do Materno e Cristal están obsoletas, a nacionalista culpou ao presidente da Xunta de Galicia de enganar e mentirlle aos ourensáns. «O señor Rueda prometeu que ao rematar as obras de ampliación da área de hospitalización se ía construir un novo hospital. A realidade é que as obras están paralizadas dende hai seis meses e a Xunta de Galicia o que fixo foi mentirlle aos ourensáns, porque lles dixo que se ía empezar coas obras de reforma do Hospital Materno Infantil no 2025 e nos orzamentos deste ano non hai un só euro, cero, para ese proxecto». Tamén se referiu ao feito de que a recente reforma da UCI supuxo a perda de camas e persoal neste servizo.
Fronte ao que calificou como situación dantesca e de serio deterioro da sanidade pública polas políticas de privatización do PP, referiuse Ana Pontón ao que debería ser unha alternativa e unha clara aposta polo servizo público e a atención á cidadanía: «A Xunta de Galicia incrementou as derivacións á sanidade privada un 18 % no último ano. Estamos a falar de 242 millóns de euros para as empresas privadas, mentres se recorta no servizo público. Xa o denunciamos ante o Consello e Contas. E lembramos que houbo un sobrecuste de 470 millóns de euros no Hospital Álvaro Cunqueiro. Con ese diñeiro, que pagamos a construtores amigos ou a fondos boitre, Ourense podería ter un novo hospital, do que carece neste momento e que precisa para contar cunha atención sanitaria á altura do século XXI».
O BNG presentará iniciativas no Parlamento de Galicia solicitando que se constrúa un novo Hospital Materno Infantil en Ourense, que se desbloqueen as obras que se estaban executando na área de hospitalización -que levan seis meses paradas-, que se dote á UCI das camas e o persoal necesario e que se acometan as medidas necesarias na prestación de servizos sanitarios aos ourensáns, xa que «se fai necesario reforzar o servizo de Atención Primaria porque hai moitas carencias en toda a provincia de Ourense e é necesario contar cun plan de rescate», sinalou Ana Pontón na súa comparecencia xunto ao complexo sanitario.