A exposición de fotografía «Mulleres doutros mundos» estará aberta ata Semana Santa
10 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Ata a Semana Santa • A Merca • Unha das veciñas da Merca dixo que as imaxes de Manuel Outumuro que vía por riba da mesa —as probas das fotografías que ía amosar no seu pobo— lle parecían «mulleres doutros mundos». E daquela o fotógrafo soubo que viña de atopar o título para a exposición máis sensible, querida e desexada das que leva feito: a que lle ía permitir amosar o seu traballo —de prestixio e recoñecemento mundial— ao pobo no que naceu e onde se criou ata os 10 anos.
O último día de «Mulleres doutros mundos» debería ser hoxe. Aínda que non vai ser así e as actrices de Outumuro van ficar na Merca ata Semana Santa, polo menos. «Os días laborais vén algunha xente a vela, pouca pero sempre. Coma se fose un goteo. Mais na fin de semana chegan persoas de forma constante para percorrer o pobo e ver a exposición. Falamos con el para ver que lle parecía e está encantado. Tamén imos facer un documental sobre a iniciativa», sinalou Tito Sampedro, o concelleiro de Cultura de A Merca.
A mostra ofrece un percorrido polo pobo en base a quince fotografías de gran formato de actrices. Comeza coa de Ana de Armas que está no Concello e remata coa de Rossy de Palma que se pode ver na casa natal de Outumuro. Entre outras, están as imaxes de María de Medeiros, Mónica Belucci, Ariadna Gil, Marisa Paredes, Nicole Kidman ou Ana Belén.