O pregón de Cristina Pato inaugura no Paseo a Feira do Libro de Ourense

La Voz

OURENSE

Cristina Pato coa súa primeira novela
Cristina Pato coa súa primeira novela Miguel Villar

Seis librarías participan nesta edición, que ofrecerá actividades ata a noite do sábado

07 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Do 7 ao 10 • De 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.00 horas • Rúa do Paseo • Ourense • Volve a Feira do Libro á cidade e a cita é na ubicación tradicional do Paseo da cidade. Son seis as librarías que participan nesta edición —La Viuda, Nobel, Cartabón, Pedreira, Cortizas e Uróboros— e, como de costume, haberá un desconto do 10 % en todos os libros que se merquen estes días nas casetas da feira. 

As actividades comezarán este mediodía, xa que para as doce está prevista a sinatura de exemplares de «Compostela Mágica» por parte de Carlos Gabriel Fernández. Será na caseta de Uróboros. A inauguración oficial da Feira do Libro de Ourense chegará unha hora despois. Será á unha da tarde cando a música, escritora, educadora e produtora Cristina Pato pronuncie o pregón que marcará o inicio da cita anual de xuño.

A xornada contará cunha ampla proposta de actividades durante a tarde. Para as seis están programadas tres citas: Carlos Gabriel Fernández asinará exemplares de «50 lugares máxicos de Galicia» na libraría Uróboros. En Nobel estarán Lizzie Quintas e Cristín Ferro para dedicar os seus libros «Más que amigos» e «Entre nosotros», respectivamente. Media hora máis tarde os cativos poderán gozar do espectáculo de Pakolas «A Ramona pequena vai á Lúa». Luca Chao presentará ás sete e media da tarde «Feminismo en cen palabras» —na compaña de Alba Guzmán— e media hora despois asinarán Andrés Pombo —«A dona da Auria»— e Andreia Costas —«Magnolias punk»—. A xornada rematará cun encontro de autor protagonizado por Jorge Emilio Bóveda. Será ás oito e media e estará acompañado no mesmo por Valentín Barreiros e David G. Couso.

Ao longo destes días pasarán pola feira Perfecto Souto, Sabela Senn, Elena Andrés, Samuel Ferro, Javier Fraiz, Alba Guzmán, Samuel Merino, Carlos Meixide, Sabela Cagiao, Miguel Anxo Fernández e Antonio Tizón, entre outros.