«O corpo aberto», gran triunfadora na festa dos premios Mestre Mateo

Marta Vázquez Fernández
marta vázquez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Nani García recibiu o galardón de honra poñendo en valor o papel da música

12 mar 2023 . Actualizado a las 10:41 h.

O audiovisual galego ten moito potencial e a vixésima primeira gala dos premios Mestre Mateo, que se celebrou onte pola noite no Auditorio de Ourense, así o demostrou. Na velada non faltou a música nin o bo humor, xa que foi, sobre todo, unha celebración. E así comezou, coa canción Festa intepretada por Silvia Penide e o monólogo de Barbara Grandío, que deixou claro que «o audiovisual galego é importante». A actriz foi a mestra de cerimonias, acompañada polas intérpretes Victoria Teijeiro e Belén Constenla. Nos seus diálogos, sempre con linguaxe inclusiva, non faltaron referencias ás vinte películas estreadas o ano pasado e á presenza do cine galego nos festivais internacionais.

A película O corpo aberto foi a gran triunfadora da noite con doce galardóns. A ópera prima de ficción da directora Ángeles Huerta —un thriller que se estreou no festival de cine de Ourense e foi rodado en Muíños, Lobeira e Bande— conquistou as categorías de mellor longametraxe, dirección e guión. Os académicos recoñeceron cos seus votos a interpretación protagonista de Tamar Novas e a de reparto de Federico Pérez. A rodaxe tamén gañou os premios á mellor dirección de arte, fotografía, produción, maquillaxe, música orixinal, son e vestiario. «Foron moitos anos tirando deste carro», dixo a directora, que lle dedicou o premio a Méndez Ferrín, autor do relato no que se inspirou a película, Lobosandaus. «Quero lembrar a toda á xente do Xurés» dixo Huerta, que agradeceu o esforzo ao seu «equipazo».«Dedico o premio aos mestres, que son tan importantes», dixo Tamar Novas, que se mete na pel dun docente na película.

O produtor, compositor e músico Nani García protagonizou un dos momentos máis emotivos da noite. Recibiu o premio de honra Fernando Rey en recoñecemento á súa dilatada carreira como compositor. «Estou a punto de quebrar», dixo emocionado. «Agradezo o recoñecemento porque vén dos meus compañeiros», dixo, poñendo en valor o papel da música para «mellorar o que estamos contando».

Álvaro Pérez Becerra, presidente da academia, destacou que «este é o momento de maior proxección; o sector síntese forte porque hai talento, pero tamén capacidade de organización». Lembrou a necesidade de seguir contando historias en galego.

O premio ao mellor anuncio publicitario recaeu na peza As estrelas do camiño-Miradas de resistencia, de Kaito Estudios e Estrella Galicia. Nesta edición volveron as categorías de animación, con premios que recaeron en Sandwich Cat, de David Fidalgo Omil, como mellor curtametraxe, e Unicorn Wars, de Alberto Vázquez, como mellor longametraxe. Adrián Castiñeiras, Alba Mancebo, Arturo Fernández, Isabel Naveira, Mayka Braña, María Mera, Monti Castiñeiras, Noelia Rey, Tito Asorey e Trisha Fernández foron os encargados de anunciar os gañadores nunha gala que contou coa música da Xove Orquestra Sinfónica Ourensanía que se estreou en sociedade baixo a batuta de José Luis Tielas.

A Xove Orquestra Sinfónica Ourensanía, baixo a batuta de José Luis Tielas, estreouse na gala
A Xove Orquestra Sinfónica Ourensanía, baixo a batuta de José Luis Tielas, estreouse na gala Santi M. Amil

A serie «Rapa» converteuse na segunda gran premiada da noite 

A serie Rapa, que partía con 19 candidaturas converteuse na segunda gran triunfadora da noite. Conquistou catro galardóns, entre eles o de mellor serie de televisión e mellor montaxe para Jorge Coira, Gaspar Broullón, Óscar Pardo y Lucía Iglesias. Os membros da academia recoñeceron tamén o traballo das súas actrices cos premios á mellor interpretación feminina protagonista para Lucía Veiga e mellor actriz de reparto para Berta Ojea. O premio á mellor serie web foi para Delicias amargas e o de mellor videoclip recaeu en Noa, de Guadi Galego. Esther Estévez foi galardoada como mellor comunicadora por Dígocho eu e Cinephilia, de Noveolas producciones e presentado por Simone Saibene  foi votado como o mellor programa.