Vístese coas mallas de deporte. Vai correr pola noite. Que sucede agora? Non debería pasar, pero pasa. Esa é a mensaxe institucional da Xunta para o 25N. Vino onte e quedei cos ollos coma pratos. E de seguro estou alucinando aínda hoxe mentres les esta columna. Tiven que revisar varias veces a imaxe porque pensei que era unha broma de mal gusto, o típico meme alterado por alguén que quere meter merda. Parecíame imposible que alguén ideara esa campaña, que a presentara na Consellería de Igualdade (tería graza se non estivéramos falando de violencia de xénero) e que nesta alguén decidira que era marabillosa e dixera: «Adiante». Non pode ser. Paréceme incrible que pasara varios filtros (porque vendo como xestionan determinados departamentos, está claro que nada sae das portas de San Caetano para fóra sen sometelo a varias cribas antes) e chegar a publicarse. Só se me ocorren dúas posibilidades: que realmente ninguén collera o tema con interese e lle deran o visto bo sen botar un ollo ou que nos gobernen polos sen cabeza. Sexa cal sexa, mal imos. E sexa cal sexa, o que está claro que non se pode aturar tamaño insulto da administración que nos representa aos galegos. Tamén a nós, as mulleres, que somos, por certo, máis do 50 % da poboación. ¿De verdade a mensaxe é non te vistas de determinada maneira e non saias soa? ¿Ese é o problema? O problema está nos que pensan que non podemos vestir como nos pete ou que temos que gardarnos pronto na casa, como se foramos pitas, non vai ser que veña o raposo. Son problemas a atallar na sociedade, pero pouco imos avanzar se esa é a mensaxe do goberno.