140

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

La exposición está en la praza do Bispo Cesáreo
La exposición está en la praza do Bispo Cesáreo Santi M. Amil

Onte na inauguración da exposición conmemorativa dos 140 anos de La Voz de Galicia , o director, Xosé Luis Vilela foi explicando a historia deste xornal. E entre outras efemérides moi interesantes que se poden consultar nos caixóns expostos na praza Bispo Cesáreo de Ourense citou o Prestige. Están a piques de cumprirse 20 anos daquela marea negra que encheu as nosas costas de chapapote. Van alá dúas décadas, case a metade da miña vida. Daquelas era unha estudante do máster de edición periodística que seguía con expectación toda a información que nos ía chegando. E recordo a escapada con Cristina de la Torre a Fisterra e Muxía para velo de primeira man. E daquelas (aínda que xa tiña a idea) quedoume claro que o xornalismo é importante. Porque se non houbera un profesional que contara o que alí pasaba, poderíamos ter crido que realmente eran «hilillos de plastilina». E nestes vinte anos moitas outras anécdotas, moitos outros exemplos que me fan reivindicar un oficio moitas veces feito de menos. Incluso entre nós, que nos miramos de esguello a maioría dos días. Mais o xornalismo é necesario (aínda que haxa quen desde dentro parece querer dinamitar esa máxima); ese que nos conta o que pasa no outro lado do mundo e que moitas veces pode chegarnos á porta en menos de nada —pasou co coronavirus no 2020 ou este mesmo ano cando de repente vivimos o estalido dunha guerra en Europa— e tamén ese que nos acerca o que pasa ao noso redor. Porque moitas veces o xornalismo é incómodo —que llo digan aos políticos—, máis iso é precisamente o que o fai tan necesario. Por 140 máis.