Óscar Penín: «A cultura vive o seu peor momento na cidade e o mellor na provincia»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

O investigador e dinamizador ourensán participa no proxecto Rede Aldear de aposta polo medio rural

30 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Leva toda a vida implicado en proxectos de investigación relacionados co patrimonio, iniciativas de desenvolvemento cultural, accións relacionadas coa etnografía ou as festas tradicionais e outras liñas de traballo. Unha das propostas nas que anda mergullado nos últimos tempos Óscar Penín (Ourense, 1978) é Aldear, unha rede de aposta polo emprendemento no rural que ten os seus alicerces en entidades, cooperativas, empresas e axentes sociais das provincias de Lugo e Ourense. O proxecto está a ser presentado nas últimas semanas e a primeira experiencia ourensá concretouse na xornada Aldearmos, que se celebrou o pasado domingo en Vilar de Santos. Nesta fin de semana estanse a promover novas experiencias en O Courel e A Veiga.

—Satisfeitos coa primeira convocatoria?

—Sen dúbida. Foi unha experiencia moi emotiva, pola implicación da xente e a resposta acadada. Tivemos que ir cambiando cousas pola chuvia pero pagou a pena.

—Que é a Rede Aldear e como nace?

—A cita Aldearmos de Vilar de Santos foi froito dun traballo que se vén realizando dende hai tempo. A finais do 2019 celebrouse no Cinema Palleiriso de Anxo Moure, en Chantada, unha xuntanza na que había un grupo moi amplo de xente cun elemento común e diferenciador: o de promover actividades no rural e coincidir na necesidade de crear sinerxias de colaboración para afortalar esa realidade. Chegou a pandemia, pero seguimos traballando cun amplo programa de conexións dixitais e nunha xuntanza celebrada hai un par de meses xa foi cando perfilamos a rede.

—Quen forma parte do proxecto?

—Iniciativas que se enmarcan no que chamamos o cuarto sector. Asociacións ou oenegués con actividade empresarial —un exemplo podería ser o Cineclube Padre Feijoo, para entendernos— e cooperativas ou empresas cun especial perfil de intervención social —A Arca da Noe é un modelo nesta liña—. Xeralmente autónomos cunha actividade e un compromiso no apartado da labor social. Anxo Moure, volvemos á orixe, sería un perfil tipo.

—Da nosa provincia quen está?

—Participan neste momento A Arca da Noe (Vilar de Santos), A Casa Vella (Allariz), Cooperativa Outonía (con presenza en Trives, A Veiga e O Coruel) e Ruralisto (Os Blancos). En principio entre Ourense e Lugo somos catorce pero agora que se está botando a andar a Rede Aldear, e se van facendo cousas, están chegando solicitudes e vaise ampliar.

—A discriminación do interior é o gran problema?

—Os concellos e as deputacións do interior de Galicia contan con menos diñeiro e recursos que os da costa. Non é algo a mantenta, é só unha realidade e así vemos como as industrais culturais, produtoras e demais se concentran na costa. Ten que haber políticas da Xunta e do Estado que apoien o rural. Non faltan ideas e proxectos e hai moito talento, mais se es un concello como o dos Blancos —con 800 habitantes—está claro que non podes aportar ese 30 ou 40 % necesario para traer unha actividade, cousa que si pode facer Vigo, poño por caso. Hai que ter outros criterios.

—Está vencellado a varios proxectos e iniciativas. Entre elas ESCUA ou A Bela Auria. Xa non programan na cidade?

—A Bela Auria segue a facer cousas, aínda que se ao que nos referimos é á festa histórica ese é un proxecto que está amortizado. Foron doce anos ilusionantes, cos seus éxitos e os seus fracasos, pero xa pasou o tempo da festa histórica máis rebelde. E seguimos participando en mil cousas, pero fóra da cidade.

—Cal é o motivo?

—Os tempos non son bos en Ourense, nin cultural nin politicamente, e temos unha aposta clara pola provincia. Autoimpúxenme non facer cousas na cidade e probar a promover intervencións na provincia. A cultura vive o seu peor momento na cidade e o mellor na provincia porque hai dinamismo, oferta e ganas de facer actividades.

«Inventariamos 5.500 puntos relacionados coa literatura e os camiños xacobeos»

O proxecto da Rede Aldear conta co apoio da Universidade de Vigo e a Xunta de Galicia, dende Agadic, e aínda que o horizonte do mesmo ten o seu remate en marzo os seus promotores seguirán a traballar coas liñas estratéxicas anunciadas na súa presentación. Óscar Penín desenvolve ao mesmo tempo outras iniciativas e propostas, xa sexa en equipos representando á Universidade de Vigo ou en accións con outras plataformas ou colectivos.

—Como resultou o traballo sobre os lugares vencellados aos camiños a Compostela?

—No proxecto de promoción do patrimonio rural, rurALLURE, estamos na última fase. Temos inventariados 5.500 puntos relacionados coa literatura e os camiños xacobeos. Tamén desenvolvemos iniciativas como a andaina que se fixo hai uns días por Terras de Celanova —o Camiño dos Escritores—, a do Camiño de Nós coa Fundación Otero Pedrayo ou o encontro do que naceu o Partido Galeguista en Monforte, coa Fundación Risco. É un proxecto da Universidade de Vigo con institucións doutros países.

—Que é Pedra?

—Pedra. Festival de saberes é unha iniciativa que relaciona a cultura máis científica e a máis tradicional. É un encontro que se move entre a didáctica e un congreso ao uso. A proposta tivo unha moi boa acollida e na clausura que fixemos en Santa Mariña de Augas Santas participaron unhas trescentas persoas. 

—E Pratea.gal?

—É outra iniciativa vencellada á Bela Auria. Nun primeiro momento incidimos na organización de visitas teatralizadas, e desenvolvemos actividades en Allariz, Amoeiro e Ourense. En principio Pratea.gal é unha guia para os peregrinos xacobeos, aínda que logo foi medrando a cousa e metimos aí os puntos de interese dos que falamos antes.

Das inquedanzas do mozo do Otero Pedrayo ás festas tradicionais

Óscar Penín Romero é unha presenza constante en todo aquilo que está relacionado cos movementos sociais e culturais, a promoción do medio rural, o patrimonio e mesmo as citas que teñen un protagonismo tradicional no ciclo anual da cidade. Formouse na Facultade de Historia de Ourense é á mesma segue vencellado con varios proxectos e colabora como técnico no Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT). Destaca o traballo que se está a facer dende o mesmo e o potencial que fai do grupo un referente en arqueoloxía e investigación. Traballou en iniciativas da Fundación Novoneyra, da que é asesor, e recoñece que «me meto en demasiadas cousas».

—En que iniciativas está a participar ademais das comentadas?

—En breve presentarei a plataforma Ruralisto.org e estou pechando o que será un mestrado online de desenvolvemento de proxectos no medio rural. Dareino a coñecer en Arxentina, no transcurso do SOPA —o Congreso Internacional sobre Educación e Socialización do Patrimonio—.

—E o Labirinto Quessada?

—Aquilo foi unha proposta puntual que se materializou no previsto e que se pode ver na páxina web da fundación do artista. O labirinto está en quessada.es

—Non se esquece de algo referido á cidade?

—Non. ESCUA foi unha etapa que estivo moi ben, fixemos moitas cousas e foron anos ilusionantes e interesantes. Pero iso pasou, é algo pechado, e agora interésame máis promover proxectos no rural.

—Vostede métese de cabeza ou déixase levar?

—Supoño que é algo que vai coa personalidade de cada un. Aos 14 anos xa montei cuns amigos a Asociación Galeguista do Otero Pedrayo.

—Ourense ten un problema de autoidentificación?

—Non, pásalle como a toda Galicia en xeral; non dá retido aos seus e a maioría da xente non ten oportunidade de desenvolver aquí a súa carreira profesional. Da miña cuadrilla case todos marcharon: un debuxante de prestixio internacional, un filósofo de primeiro nivel, un fotógrafo, actores... de dez que eramos quedamos dous. E esa xente non retornará porque xa fixeron as súas vidas, teñen familia...

—É un habitual de citas como os maios e outras.

—Participar en iniciativas entre iguais enriquece a vida, fas rede, contactos profesionais e amigos.

Quen son:

«Unha persoa de palabra que cando a dá chega ata o final. E iso é así porque son moi testarudo, moi comprometido e para chegar ata o remate daquilo no que me implico tamén hai que ser moi resistente»