—O cambio climático mudará o panorama galego?
—É a cuestión máis actual. É moi posible que a viticultura galega, sobre todo a das zonas máis húmidas, se vexa beneficiada a nivel fitopatolóxico, pero o cambio climático está a mudar o perfil dos viños en Galicia. As solucións que se están valorando para escapar deste é a de plantar en zonas máis altas, para tentar manter a acidez dos viños.
—Haberá que cambiar as castes?
—Contamos cun potencial varietal que nos permitiría optar por variedades que estean máis adaptadas a este cambio. Aquelas nas que a acidez non baixe tanto cando se alcanzan altas gradacións. En tinto somos terra de caíños, que moi probablemente será necesario recuperar de cara ao cultivo de tintos. En brancos, hai variedades que manteñen ben a acidez, como a albariño ou o caíño branco, entre outras.
Das castes aínda por identificar á formación do relevo xeracional
Emilia Díaz Losada é unha perfecta coñecedora da realidade do rural da provincia e da actividade agraria. Orixinaria de Ganade e filla de agricultores da Limia, veu estudar a Ourense dende que era unha cativa. Na cidade desenvolveuse a maior parte da súa formación e foi na mesma onde cursou os primeiros anos da carreira de Bioloxía, para rematar na Universidade de Santiago. De volta en Ourense deu continuidade á súa formación doutorándose pola Facultade de Ciencias, da Universidade de Vigo, en 1995. Formou parte do departamento de Bioloxía Vexetal e impartiu docencia en Ourense —entre outras asinaturas na de práctica en Viticultura—.
Foi no ano 2005 cando se incorporou á Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) cun contrato posdoutoral concedido polo Instituto Nacional de Investigacións Agrarias. As primeiras investigacións desenvolveunas estudando o pole presente en produtos apícolas. Cando se incorporou ao centro situado en Leiro foi cando se centrou nun novo campo de traballo: o mundo do viño e das viñas.
—Comentou nunha ocasión que teñen oito variedades sen identificar. Como chegaron aquí?
—Non é fácil respostar, xa que tampouco coñecemos a orixe doutras cuxo cultivo xa está estendido. Na historia das variedades de vides galegas aínda que hai que falar das presentes no macizo galaico portugués tamén existen lagoas en canto á orixe. Fálase da introdución a partir dos romanos, da implicación na súa distribución por parte dos eclesiásticos, do Camiño de Santiago... Pero en toda esta historia tamén é certo que, como consecuencia da hibridacións naturais doutras variedades que se cultivaban, puideron xurdir variedades que só aparecen en Galicia, ou polo momento solo se describiron aquí. Falo por exemplo da lado e da albilla do Avia, que non temos datos ata o momento da súa presenza noutra zona que non sexa o Ribeiro.
—Ten coordinado o curso de formación da Evega. Hai interese na incorporación ao sector?
—Estamos percibindo unha pequena subida de inscricións por parte da xente nova, o que parece indicar a existencia dun relevo xeracional en Galicia. Aínda que moi comedido.
Quen son. «Na rede social alguén me definiu como unha persoa consciente da súa responsabilidade e cun alto sentido do servizo público, e creo que non se engana. Definiríame como unha persoa tenaz, que busca sentirse a gusto no seu traballo».