Manuel Mandianes, antropólogo: «Mudará, evolucionará, medrará, pero o entroido non morrerá nunca»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

O investigador define «a festa da liberdade do individuo» como caos organizado

27 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O entroido hai semanas que andou preparando o escenario para as citas destacadas do calendario, as que se viven dende este domingo. A festa percorrerá unha provincia que se identifica coa celebración e que aparece como un espazo onde se manteñen as tradicións máis ancestrais xunto coas citas multitudinarias das vilas que son as ineludibles do carnaval en Galicia. O antropólogo Manuel Mandianes Castro (Loureses, Os Blancos, 1942) é un dos investigadores que ten afondado no estudo e coñecemento dunha tradición popular que se mantén como unha forma de expresión que considera única, malia particularidades de cada espazo ou territorio. «Vivín moitos entroidos —Basilea, Venecia, Río de Janeiro, Cádiz e outros— e a visión antropolóxica non cambia: é un só carnaval».

—Cada vez son máis as festas recuperadas e tamén as de nova creación. Na actualidade é «complicado» definir o entroido?

—Para nada. É difícil e fácil ao mesmo tempo: é unha celebración dun ritual funerario que vén dende a noite dos tempos.

—A festa aparece vencellada á Coresma, aínda que vostede sempre incide en que nada ten que ver.

—A orixe non ten relación algunha coa Coresma ou coa Semana Santa, como se quere facer ver, senón con Roma e Grecia. E xa antes de que existise o cristianismo, por máis que a igrexa tentase controlar a festa —como o poder político— e fracasase nas súas intencións, aínda que na actualidade se fale de tantos días antes ou despois de citas do calendario relixioso. A data de celebración é a primeira lúa nova do final do inverno.

—Onde estaría o inicio?

—O momento histórico non o pode datar ninguén. O que din os expertos é que o carnaval nace practicamente cos primeiros rituais sobre os enterramentos e a volta dos habitantes do outro mundo a visitar aos deste mundo.

—A subversión é a esencia?

—A liberdade é o sinal de identidade. Os enmascarados fan o que queren —dende entrar nas casas a meterse cos da aldea do lado ou levantar a saia ás mulleres—, menos faltar aos dereitos da xente. Ao enmascarado non se lle pode tocar e ten dereito a ser o que desexe.

—O entroido é o tempo no que os cidadáns se amosan como son?

—Son os días dos roles de inversión; o home vístese de muller, a muller de home, a monxa de prostituta, o monaguillo de bispo... cada quen emprega a festa para facer realidade os seus desexos. O entroido é a verdadeira vida, aquela na que un se amosa como querería ser. Dicía Pessoa que só o enmascarado se sente un mesmo e que no entroido é cando a xente tira a máscara. E canto menos regras e organización haxa mellor, porque a norma é contraria á festa.

—Vostede ten chamado a atención sobre o feito de que cada vez hai máis control e organización por parte dos concellos?

—A autoridade, o poder, sempre quere controlar pero o entroido é un caos organizado onde cada un sabe o que ten que facer, un tempo onde non hai autoridade ou onde esta nada manda. Como na Festa dos tolos da Idade Media, cando eles ocupaban as cadeiras dos bispos e dos gobernantes.

—Recupéranse festas e nacen algunhas. E mesmo algúns chaman polo mantemento da identidade contra as mudas. Afectará ao entroido?

—Non. É certo que houbo un tempo no que estivo baixo mínimos, pero é unha festa global coa que o pobo se identifica. Mudará, evolucionará, medrará, pero o entroido non morrerá nunca. Sempre haberá puristas e quen marque pautas, mais o carnaval é a exaltación da liberdade do individuo e contra iso non hai poder que sexa quen de controlalo.

«O cidadán, grazas á mascara, é o que lle rouba a identidade á multitude»

O antropólogo ourensán lembra que en Grecia e Roma xa están algúns dos sinais de identidade do entroido, como a fariña que se botaba sobre o túmulo —xa recollida na Odisea— «pero non para preservar o lugar, senón que o branco era a cor da xente que volve dende o outro mundo» ou as celebracións romanas das proezas sexuais do deus Fauno e as carreiras polas rúas repartindo golpes con anacos de coiro ás mulleres. Tamén incide en que nunha sociedade tan pautada e regrada como a actual o entroido ten máis forza que nunca «porque é o tempo de reivindicar a nosa liberdade e revolverse contra o poder establecido». 

—Ten apuntado que só o entroido é quen de equipararse como manifestación popular ao fútbol.

—No fútbol o individuo perde completamente a súa identidade, cando se mete nun estadio con 60.000 persoas. No entroido pasa igual, só que neste caso non é a multitude a que rouba a identidade ao individuo, senón que é a máscara. É o cidadán o que rouba a identidade á multitude. Aínda que, obviamente, non son o mesmo, o entroido é comparable a esas grandes citas nos estadios onde o individuo perda a identidade e se deixa arrastrar pola masa.

—Polo que vexo rexeita o carnaval de verán?

—É unha cuestión de esencia, por definición. En Europa o oso é o animal do entroido e saía do seu toco o 2 de febreiro. En función de se había moita luz ou escuridade volvía para dentro ou xa quedaba fóra. Por iso a data da festa é cambiante, pola lúa de inverno. A cova simboliza que o oso vén doutro mundo. Obviamente, celebrar o carnaval no verán non ten ningún sentido. Que lle chamen doutra maneira.

Vida tranquila en Loureses, nova novela e presenza nas redes sociais

Manuel Mandianes Castro desenvolveu un amplo percorrido vital, con punto de partida e chegada no seu Loureses natal. Dende Os Blancos marchou para o seminario de Burgos, para estar logo de misioneiro en Colombia catro anos, volver e doutorarse en Teoloxía e Antropoloxía na universidade francesa de Estrasburgo e logo, xa no país, facelo en Ciencias Políticas e Socioloxía, entrando no CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) en Barcelona. Entre 1996 e 1999 dirixiu o Instituto de Estudios Sociais Avanzados do CSIC. Na aldea que marcou tamén a súa vida profesional —Loureses, antropoloxía dunha parroquia galega (1984) é unha obra canónica— goza en plenitude da vida: escribe, pasea, comparte o tempo cos veciños e opina nas redes. De cando en vez fai unha escapada a algunha cidade. 

—Agora que pasou o tempo. Cando o botaron de Colombia acusado de participar coa guerrilla tiñan razón?

—Por suposto que tiña coñecemento do que había. Era un personaxe destacado da comunidade e os guerrilleiros formaban parte da mesma. Coñecíaos e sabía quen eran. Nunca colaborei con eles porque son contrario á violencia.

—Por que cambiou Barcelona pola Limia?

—Barcelona é unha gran cidade e un labirinto. O que podo vivir en Loureses non o experimentaría en calquera outro sitio. Aquí gozo da vida tradicional e da comunidade. E de cando en vez marcho uns días a unha cidade. Sempre me gustou viaxar, tiña unha viaxe xa programada cando veu a pandemia e aprazouse.

—Cal é a súa xornada no pobo?

—Pola mañá céntrome en escribir artigos, e traballar nalgún libro, e as primeiras horas da tarde son para pasear. Tamén me achego ao bar para tomar un café e falar cos veciños. Á última hora do día xa é cando me centro nas reflexións ou iniciativas que desenvolvo nas redes sociais.

—Segue camiñando ata Xinzo para mercar o xornal?

—Agora paseo máis por aquí. Camiño dúas ou tres horas todos os días. Non é unha rutina que me marque como unha obriga —iso de camiñar tanto en tal tempo— e se atopo a calquera no camiño seguro que me quedo falando con esa persoa. Escoitar é o que máis me gusta, máis que falar.

—Apuntaba o dos libros. Traballa nalgunha obra? De ser así, é de investigación ou seguirá na nova etapa de narrativa?

—Literaria. Vai ser unha novela. A terceira obra narrativa, logo de O raposiño e o cego e En blanco. 

—Ten previsión e título?

—Non. Título estou a traballar con varios, en función das negociacións coas editoriais, e tampouco está fixado un prazo para editala. Será unha novela que significará unha volta a Loureses, a unha realidade que xa en nada se semella ao que foi o tempo no que este lugar se converteu nunha referencia nos estudos de antropoloxía.

Quen son:

«Un home de aldea que tivo a sorte de percorrer un pouco o mundo e voltar á aldea para mellor comprendela. Sen dúbida ningunha. Digamos que son un aldeán do mundo».