O 99.999

Marcos Guimarey ARGUMENTARIO

OURENSE

20 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Oturista noventa e nove mil novecentos noventa e nove cando baixou na estación do Empalme para gozar do entroido lamentou non vir un pouco máis a modo, por non ser o número cen mil e gozar das atencións coas que o ían a agasallar. Unhas formigas rabudas ou un farrapo de gaita podían ser os premios para o afortunado. É matematicamente posible que cheguen 100.000 ao entroido de Ourense, pero cando en toda a provincia hai escasas seis mil prazas hoteleiras, estatisticamente é improbable. Se falamos de que os turistas percorran as diferentes bisbarras en transporte público, témolos que avisar que non hai unha combinación para chegar de Viana a Matamá, ou de Maceda a Cartelle. Poden perder o día enteiro e non chegar a ver unha carauta ou un folión. E tal e como che teñen isto, menosprezando as manifestacións culturais, a atracción turística é unha atracción fatal.

Menos mal que non se lles pasou polas cabeciñas o bono-entroido, que puido ser a definitiva ocorrencia das forzas gobernantes. Nisto é no que nos imos parar a reflexionar unhas liñas. Seguindo, entre outras, as teses do doutor en economía Juan Luis Jiménez, os bonos turísticos que son independentes do nivel de renda só benefician ás clases medias-altas; entre todas e todos subvencionamos as vacacións dos adiñeirados. Sirva como exemplo o bono turístico da Xunta; unha proposta que naceu sen un obxectivo orientado, xa que no escenario de pandemia o gran limitante para viaxar era a confianza no estado de saúde. Foron as campañas de vacinación e o respecto escrupuloso das normas de saúde públicas as que favoreceron as mobilidades, máis que os bonos. Os efectos dos bonos turísticos deben ser avaliados de forma rigorosa, incluso The Economist dubida de se é o camiño axeitado.

Seguindo este fío, calquera política pública de bonos que non se vincula aos niveis de renda, pasa a ser só unha rebaixa para as clases medias-altas. Exemplos temos para reflexionar, como os programas da Deputación de EsquiOu e Termalismo Social 2022, ou a do Concello de Ourense de 20 euros nas librarías. Resumindo, os bos xestores aparentemente seguen a malgastar os nosos tributos. Só é progreso se progresamos todas.

O turista noventa e nove mil novecentos noventa e nove cando baixou na estación de Empalme, e viu que non precisaba dun bono máis si dunha carauta para entroidar, foi máis feliz que os demais.