
O tempo das hipóteses rematou, agora é tempo dos datos e das probas. Dende xa comezamos a medir o impacto que terá na nosa economía e na nosa provincia a conexión de alta velocidade ferroviaria. Co paso dos meses e dos anos avaliaremos se o neboeiro acaba de levantar ou seguimos nese luscofusco no que a sombra ocupa todo o plano.
A Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal, AIREF, leva anos advertindo que os problemas de mobilidade non están sendo ben identificados e, polo tanto, os recursos están malgastados. Recordamos que o 90 % dos usuarios son de cercanías.
¿Pode a conexión á metropole debilitar o noso patrimonio inmaterial? Nun escenario mundial de volta aos sentimentos identitarios, estamos nunha loita cultural; podemos pensar que a chamada ourensanía é ir ver ao Real Madrid ao Bernabeu, e logo tomar unhas cañas a la madrileña e un bocadillo de calamares, ou ben comezar a protexer todas aquelas manifestacións culturais que nos fan únicos e que dan sentido á nosa existencia como pobo.