O legado das ordes relixiosas en Ourense

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Os vellos mosteiros acollen hoteis, concellos, centros de interpretación e mesmo vivendas

19 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A provincia mantén entre o seu amplo e valioso legado patrimonial un conxunto de mosteiros e edificacións relixiosas que son testemuña do poder e a presenza das ordes católicas dende hai séculos polas comarcas de Ourense. A desamortización marcou un punto de inflexión no dominio que exercían sobre o territorio e os seus habitantes e abriu unha nova realidade, a que foi derivando co paso dos anos na gran variedade de tipoloxía que se dá no que son os usos e a titularidade dos vellos centros que marcaron a vida dos ourensáns durante séculos. Unha historia que hai tempo quedou esnaquizada, pasando a ser materia de arquivos e bibliotecas. As seguintes son algunhas desas novas realidades do que foron os referentes da importante presenza das ordes relixiosas na provincia de Ourense.

Oseira, a tradición

Logo da desamortización de Mendizábal o mosteiro das terras de Cea ficou abandonado, e mesmo foi escenario dunha traxedia cando a Garda Civil matou a varios dos veciños que se opoñían ao traslado do baldaquino para Ourense. En outubro de 1929 chegaban a Oseira un fato de monxes cistercienses para retomar a vida monástica ao pé da Serra Martiñá e ir restaurando, aos poucos, o conxunto monumental. O máis grande e monumental dos mosteiros da provincia mantén o uso para o que foi creado e constitúe un caso singular en Ourense.

Da relixión ao turismo

Dous son os espazos de tradición secular relixiosa que hai tempo que deixaron o seu uso tradicional -non tanto no caso do situado nas terras do Ribeiro- para se converter en referencias obrigadas á hora de falar das infraestruturas turísticas da provincia ourensá. O primeiro en abrir esa nova alternativa para os vellos conxuntos relixiosos imposibles de manter e restaurar polos antigos moradores foi o hotel monumento de San Clodio (Leiro). Santo Estevo de Ribas de Sil (Nogueira de Ramuín) rematou por ser o buque insignia do sector ao ficar convertido en parador ao non materializarse a alternativa de facer del un centro arquivístico de competencia galega.