Sarabela estreará no Teatro Principal de Ourense a súa montaxe «Semente de Nós»

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Jacobo Sutil, César Fernández y Olga Mojón presentan la temporada del Teatro Principal.
Jacobo Sutil, César Fernández y Olga Mojón presentan la temporada del Teatro Principal.

O espazo cultural da Deputación retomará a actividade o día 10 coa montaxe «A lúa vai encuberta»

03 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Teatro Principal ofrecerá no segundo semestre do ano un amplo programa de actividades que mesturará citas xa tradicionais no seu ciclo anual -como o Fito, o Blues TP ou a Moti- xunto con estreas absolutas ou montaxes que chegarán á cidade aos poucos días da súa presentación no circuíto escénico estatal. A programación do Teatro Principal para o que resta do ano 2021 foi presentada no espazo cultural pola directora do mesmo, Olga Mojón; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e César Fernández Gil, vicepresidente segundo da Deputación de Ourense.

Entre a programación do Principal para estes meses figura a estrea absoluta da nova montaxe de Sarabela Teatro. Semente de Nós, que así se titulará a obra na que participan Sarabela e Ollo Vivo, toma como base o centenario da publicación do primeiro número da revista Nós e o legado dese proxecto e da xeración do mesmo nome. 

O reencontro do Principal co público chegará o próximo día 10. Nesa xornada e na seguinte será cando se poderá ver a montaxe A lúa vai encuberta, un espectáculo dirixido por Tito Asorey que toma como base un texto de Manuel María e que está protagonizado -ademais de polo propio Asorey- por Melania Cruz, Davide González e Vanesa Sotelo. Unha semana despois, o 17, estarán sobre o escenario ourensán Javier Gutiérrez, Mónica Regueiro, Daniel Pérez Prada e Vicky Luengo con «Principiantes». Setembro tamén traerá unha nova edición do festival de poesía Imos ter máis que palabras, que se celebrará o día 23.