
Cando Franco e Barrié de la Maza viñeron inaugurar o encoro das Conchas no 1949 na Baixa Limia, a miña avoa, a señora Elisa León, pronosticaba a desgraza económica da aldea polo anegado de terras, unha perda de patrimonio que endexamais foi compensada por Fenosa. Logo chegaron á zona tres encoros máis.
Para Ecoloxistas en Acción, en Galicia hai un denominador común respecto ás desfeitas ambientais: as empresas privadas que explotan irracionalmente bens públicos e as administracións que son neglixentes e que, polo tanto, consenten.
Do baleirado dos encoros nestes días concluímos que non hai fiscalización por parte do organismo de cunca sobre os datos que arroxan os encoros e, parece ser, que tampouco ten capacidade, dito organismo, para obrigar a facilitar datos actualizados ás empresas explotadoras. Doutro lado, levamos arrastrando uns plans hidrolóxicos que non se adaptan ás necesidades socioambientais das zonas onde se ubican os encoros.