A poesía de Xela Arias enche o edificio de ferro

OURENSE

As celebracións comezaron este luns coa exposición «Aquela nena de Sarria»
As celebracións comezaron este luns coa exposición «Aquela nena de Sarria» DUVI

A Facultade de Educación e Traballo Social albergará varias mostras e actividades en conmemoración do vindeiro Día das Letras Galegas

05 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A proximidade do Día das Letras Galegas provocou que, tamén o Campus de Ourense se faga eco da celebración coa instalación da exposición «Aquela nena de Sarria», que conta os primeiros anos de vida e formación da escritora Xela Arias e está dispoñíbel desde este luns. Neste caso é a Facultade de Educación e Traballo Social a que alberga esta mostra e na que se poderán desfrutar as distintas actividades relativas á celebración do 17 de maio.

A programación continuará o día 13 de maio coa xornada «O Día das Letras con voz de muller: de Rosalía de Castro a Xela Arias». Neste acto entregaranse os Premios 2021 de Poesía, Relato e Tradución da Universidade de Vigo. Ademais, Chus Nogueira ofrecerá a conferencia «A independencia total e gratuíta. A vida e a obra de Xela Arias», e Clara Pino e Pablo Vidal, porán música a poemas de Rosalía de Castro e Xela Arias.

Pasado o día das letras, as actividades continuarán o 21 de maio cunha mostra de traballos dos alumnos do edficio de ferro; unha conferencia impartida por María Yañez, de nome «Tras os pasos de Xela Arias»; e outra ofrecida por Emma Pedreira, chamada «Tupper X. Abrindo as caixas da poesía». O día rematará coa presentación musical do libro-álbum O globo vermello, de Xosé Constenla. Será tamén este día o último para visitar a mostra «Xela Arias. A poesía do retrato», que desde o día 11 de maio estará nos xardíns do campus.