Anatomía dunha mensaxe


A irrupción dos novos partidos e a reacción xerada nos tradicionais está contribuíndo á radicalización das mensaxes políticas. Consecuencia disto é a apelación á emoción en detrimento da razón, unha chamada á natureza animal que conservamos no ADN. O instinto é unha resposta automática inserida xeneticamente no comportamento animal para garantir a súa supervivencia individual ou como especie. E as emocións, aínda que de natureza diferente, están emparentadas co instinto, xa que xeran reaccións que nada teñen que ver co racional.

A evolución do Homo sapiens evidencia que nin a utilización de ferramentas polo Homo habilis, nin a habilidade do Homo erectus para controlar o lume, nin o xurdimento da linguaxe, que compartimos co Homo neardenthalensis, é comparable á habilidade de almacenar coñecementos. Só o Homo sapiens foi quen de dominar un instrumento que cambiaría o seu destino: a escritura.

É a posibilidade de almacenamento e transmisión de coñecementos o que xerou unhas relacións máis complexas: a cultura como instrumento para interpretar, coñecer ou modificar o medio. Non é unha evolución natural darwinista senón unha construción artificial que determina a racionalidade, exclusiva do Homo sapiens, separándose radicalmente do instintivo e do emocional.

A análise dalgúns discursos políticos evidencia o seu alto grao de emocionalidade, que exclúe a racionalidade. O mecanismo utilizouse xa no século pasado para condicionar o comportamento dun pobo. As mensaxes deben ser emocionais, simples, reiteradas, modificándose para adaptarse ás circunstancias e facer inoperante a súa eventual resposta, baseadas en previos bulos, prexuízos ou mesmo mentiras, xa que unha mentira repetida convértese en verdade, simplificando o inimigo como causante de todos os males, atribuíndolle os defectos propios. O creador deste método foi Göebbels, ministro de propaganda do III Reich.

As mensaxes dos dirixentes do PP sobre a situación de Ourense cumpren estes parámetros: Simplifícase ao inimigo, personalizándoo no gañador das eleccións municipais, Rafael Rodríguez Villarino, ao que lle atribúen os propios defectos: ser causante da situación política actual (cando o causante de tal situación é o PP). Redúcese a mensaxe a apelacións emocionais: «Ninguén pode confiar en Villarino porque é un mentireiro». Recórrese á mentira (cualidade atribuída ao «inimigo simplificado») e fóxese da racionalidade con falsidades encadeadas: do «non se pode negociar con Villarino» pásase a «apoiaremos calquera alcalde que non sexa Villarino en cinco minutos» para finalizar (polo momento) con «Villarino debe renunciar á súa acta de concelleiro (e de deputado provincial)». A mensaxe vaise adaptando ás circunstancias e afírmase que non variou (o cal é falso). En caso de darse unha nova resposta xeraríase outra mensaxe adaptada ás circunstancias que se presentaría como orixinaria. A mensaxe primixenia é sinxela, emocional e facilmente adaptable, e ao redor articúlanse argumentacións accesorias incluso contraditorias: arguméntase que se quere construír unha maioría que dea estabilidade ao goberno e non se descarta entrar en minoría no goberno actual. Se unha afirmación é certa, a outra é necesariamente falsa.

Sen cuestionar o dereito á liberdade de expresión dos dirixentes populares, que abarca dicir o que estimen oportuno aínda que sexa demagóxico e irracional, quero subliñar a falta de ética das súas propostas. Pretenden impoñer unha candidata do seu gusto ao partido que gañou lexitimamente as eleccións. É como se o Partido Socialista pretendese impoñer o candidato do PP. Esta estratexia, coñecida como entrismo (introducirse nun partido para controlalo) é unha vella táctica trotskista… a ver se vai resultar que son marxistas, pero non de Groucho…

Javier García Gago é secretario provincial de Xustiza no PSdeG-PSOE de Ourense

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Anatomía dunha mensaxe