Non tolees

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

24 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Non podemos ir ver á avoa, pero podemos saír. Por primeira vez nun mes, podemos planear algo fóra do concello. E algo imos facer. Xa o que, é algo que estamos negociando. Propúxenlle praia á pequecha, e dixo que si, ¡neve! Así que estamos coa dicotomía se ir ver o mar ou subir á montaña. Sair. Respirar. Ver caras distintas, aínda que sexan tapadas polas máscaras, aínda que sexan de lonxe. Podemos empezar a saír, podemos planear ir xantar fóra, ver aos avós, ir ao parque cos curmás, tomar un viño nunha terraza aproveitando os primeiros raios de sol. Son pequenos pasos, pero soan marabillosos despois do último mes. Despois do último ano. Pero que vaiamos cara adiante non significa que aquí xa non pasou nada. Non son aínda tempos de grandes quedadas, de paparotas cos amigos ou cun lote de familia. Aínda non son tempo de festas, de copas, de risas, e de abrazos. Claro, eu tamén lle teño ganas. Pero non é aínda o momento. Que xa sabemos que en canto nos abren a porta, saímos todos escopeteados como se nada... E xa sabemos o que vén despois. Un novo peche. Imos pola terceira ola, pero disque nos temos que preparar para a cuarta. Eu xa aviso que non, que paso. Xa non podo máis. A terceira vouna levando, uns días mellor que outros. Que de cando en vez teño que pedir na casa que me tiren do fío do globo, que se me vai a cabeza. Pero unha máis non. Porque levo un ano de renuncias e sigo sen ver o final. E cumpro, aínda que ás veces, cando soño, vou conducindo pola A-6 ou pola AP-9 (nun alarde de riqueza que non gasto, porque mira que é cara) directa á Costa da Morte. Aí están as olas que quero ver.