Piñata

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

Desta volta, un ano calquera, aínda estaríamos pensando que nos queda piñata. Que por estes lares non se celebra, pero ¿que máis nos ten? Xa nos disfrazamos o ano pasado, que hai que aproveitar as ocasións, aínda que só fose para dar unha volta pola vila e ir xantar á dos avós. Ben nos prestou daquela, e aínda nos sigue prestando cando pensamos na vida «de antes» que estamos desexando recuperar. Este ano a cousa tira semellante, só que desta volta non haberá o xantar na dos avós. Toca seguir vivindo como ás agochadas, sen ver a ninguén, sen quedar con ninguén e, moito menos, sen tocar a ninguén de fóra da casa. Sigue sendo duro. Xa aló foron os 21 días de esforzo que nos pediron, e resulta que non chegaron. Que hai que seguir. Pois seguiremos. Non queda outra. A frase leva parte de resignación, pero moito de sentido común. Se queremos que isto pase, hai que matar o bicho, como lle din os usuarios de Asfaval á súa presidenta. Oxalá se puidera matar. De momento, hai que esquivalo. E a maneira é quedar na casa, facer que non pase duns noutros. Non é tan difícil de entender. Recorda ao das pulgas, que nunca sabes como chegou o hóspede a ti, pero aí está. E bo traballiño que dá para librarse delas. Pois co coronavirus éche semellante. Está custando, pero semella que estamos no camiño. Xa están chegando as vacinas -lentas, todo o contrario do que se move o virus-, pero van chegando. E cada vez parece máis cerca a volta á normalidade. Cerca, que non ao carón. Aínda falta para volver xuntarnos, celebrar, brindar, abrazar... Falta para volver, pero o importante é poder volver. E o entroido tamén volverá.