A outra pandemia

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

11 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Vivimos tan inmersos na pandemia do coronavirus, que parece que non hai nada máis. Certo que o invade todo, que nos condiciona todo, pero o mundo sigue xirando (aínda que ás veces semelle que non, agora que volvemos estar medio pechados). E non sempre para ben. Seguen detectándose casos de cancro, moitas veces de xeito tardío porque a xente adía probas, ou porque llas adían, como recordaba a presidenta da asociación contra o cancro en Ourense, Dora Gómez, no xornal do domingo. E segue latexando outro cancro, outra pandemia... a do machismo. A futura alcaldesa de Ribadavia foi posta en tela de xuízo por ser muller, polo que ten feito na súa vida privada, disque. Nin mirei os comentarios nin esas fotos que disque sacaron da súa vida privada para poñela en tela de xuízo. Que máis me dá o que fixera. Sempre que fose legal e querendo, non teño nada que obxectar. Só faltaba. Pero falta. Seguimos tendo unha sociedade na que a vida privada das mulleres sempre importa. A dos homes, nunca (ou case). De feito, en determinadas facetas, a nosa conta para mal; a deles, sempre para ben. Moito temos avanzado, claro está, grazas á loita das que viñeran antes; pero aínda queda moito camiño que andar para que as que veñan detrás de nós falen do machismo como algo do pasado. Porque aínda hai quen cre que unha muller se ten que xustificar por ser muller. E por querer vivir como tal. Esa é a lacra, o cancro e a pandemia que as mulleres arrastramos. Non preciso que sexa 8M para recordar que hoxe, e todos, as mulleres temos (no papel) os mesmos dereitos que os homes. Tamén os queremos no día a día.