Feltro

Marcos Guimarey ARGUMENTARIO

OURENSE

Los mecos toman Sande, en Cartelle
Los mecos toman Sande, en Cartelle Santi M. Amil

A unha semana do Domingo de Entroido, eran normais as carreiras a por feltro, ese recurso téxtil tan prezado, que xunto coa moderna goma eva fan dun retallo un personaxe, e que nos colla brincando a xeada.

Menos mal que a ninguén lle deu por usar a frase de «salvemos o entroido». Xa sabemos como remata este brinde, con outra vaga de hospitalizacións e decesos. O propio ciclo de festexo remata na cinza e coas choronas no enterro da sardiña; o entroido como grande metáfora do que acontece cada vez que alguén emprega a frase de salvamento.

Unha pregunta acaída é se realmente estamos a salvar o entroido con este paro. Tiñamos fai dous anos a conversa por riba da mesa de como xestionar o Xoves de Comadres en Verín. Por unha banda, o gremio da hostalería: se máis veñen, máis vendemos, economía de escala; por outro lado, veciños que aproveitaban para illarse e deixar o barullo nas rúas; por outro lado, as asociacións que ven que se lles aparta da xestión en prol da economía. Por outra banda, o auto-retrato, o fío de fotos das aplicacións, ese consumo masivo de instantes, do acá estou, o cal leva a unha peregrinación sen pasar o filtro dun porqué. É un debate interesante cando hai un stop forzoso, ¿debe perdurar a conservación e a tradición, ou a liberalización e o progreso? Metemos nunha caixa de cristal os elementos que conforman o ciclo festivo, monetizamos con aforos limitados (agora que este termo está en todos), cun mercado da máscara e do traxe como elementos de país, cunha volta á artesanía identitaria, cun concepto estendido do rural dentro do ciclo anual. Ou democratizamos, un consumo de fantasías de bazar de usar e tirar á que todo o mundo teña acceso. No período de incerteza no que estamos, a convivencia dos dous camiños pode ser unha das alternativas a explorar, un circuíto masivo perlado con propostas de pago por goce que manteña as estruturas culturais por tempo. Iniciado o debate coas dúbidas de a onde nos levará o entroido, está claro que se tes con feltro vestidos a un pallaso atolado e a un domador calvo, que menos que esperar un circo.