Vivimos nunha montaña rusa de emocións constante. O 14 de marzo do ano 2020 comezou unha etapa totalmente descoñecida para nós, para as nosas maiores, e dende logo para as xeracións máis novas. De súpeto, vímonos metidas na casa, pechadas 24 horas e 7 días á semana por mor dunha pandemia mundial totalmente alleas ao que se nos viña enriba. As carencias nos métodos docentes e no sistema educativo quedaron ao descuberto: alumnado que, polo motivo que fose, non tivo aceso a internet ou a un ordenador nos primeiros meses do confinamento; docentes que en ningún caso estaban preparadas para dar contido en liña, adaptado ás novas realidades sociais e de comunicación existentes; centros educativos que non tiñan as aulas virtuais máis que de adorno ou como moito para ter colgados os apuntes dunha materia.
E a pandemia continuou, e parecía que nos adaptabamos a esta movida. Chegou setembro e as universidades e centros educativos comezaron a impartir clase nos «novos tempos». Desgraciadamente, nestes meses puiden detectar: medo a non ser capaz de chegar ao mínimo, enfado polos cambios na modalidade de aprendizaxe, aburrimento por non poder saír e interactuar coas compañeiras de xeito presencial e ansiedade polas notas, polo futuro, pola situación familiar e laboral…
Posiblemente estamos a esixir unha serie de actitudes que ate o de agora, non fomos quen de transmitir. As estudantes están a perder un ano no que terían excursións, saídas coas amigas e amigos, partidos, voltas en bicicleta, parellas, pipas nos bancos do parque, … Como podemos facer que recuperen isto? Vai ser moi complicado. Que menos que comprendamos o que están a sentir!
Igual teremos que parar unha clase e falar de como nos sentimos, que agardamos disto, como está a nosa familia. Unha sociedade que pase por esta situación tan tensa, debe ter dereito a vivir e desfrutar do día a día. Contribuír a reducir esta fatiga con comunicación verbal, con escoita activa, con vida.
Pero non todo é un desastre! Os centros funcionan porque contan con persoas que priorizan os sentimentos aos contidos. Comprenden e asimilan a diversidade do seu alumnado e tratan de compensar as desigualdades. Profesorado e persoal de administración e servizos (de quen pouco falamos) cunha carga laboral en niveis extremos. Dende logo, a xestión de emocións, a empatía e a comunicación asertiva deberan ser piares obrigados no día a día dos centros. Comprender que somos persoas e non números e notas. E nesta situación máis aínda.
E por certo, aviso aos partidos políticos: non sumades. A vosa tensión só acrecenta a nosa fatiga. Non esquezades que esta situación vainos marcar. Vai cambiar a realidade educativa e o conxunto da sociedade, e concretamente a nosa mocidade.
Agora igual non son quen de expresalo, pero xa saben o que non queren. E isto, é fundamental. Gobernarán, e oxalá teñan en conta a importancia das emocións e a necesidade de non deixar a ninguén polo camiño. Co noso apoio contan. Todo pasa.
Millán Brea Castro é doutor en Ciencias da Educación. Profesor asociado da Universidade de Vigo.