Vía da Prata 4.0

Marcos Guimarey ARGUMENTARIO

OURENSE

10 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Damos a benvida ao ano novo, a saúde será o alicerce da nosa sorte, podemos deixar a un lado as cifras catastróficas ou comportarnos coa responsabilidade que esixen as circunstancias da pandemia. Non será por repetilo, pero, sen saúde non hai economía, e o que foi unha chamada ao autoconfinamento para salvar o Nadal, xa o estamos a abonar coas preocupantes estatísticas de contaxios polo coronavirus.

Pedimos aos gobernos que sexan claros coas ordes a acatar, pero tamén foron os primeiros en descorrer procedementos alternativos para Nadal e aninovo; sentirse máis preparado que os mandatarios e ter menos coñecemento axudou a manter comportamentos de elevado risco.

Leva uns días a porta santa aberta para a chegada dos peregrinos perimetrados. Santiago non foi precisamente un Santo terapéutico a quen acudir por unha enfermidade. Foi alcumado para loitar contra os impíos. Pasa pola nosa provincia o camiño mozárabe ou da prata, que era para facer candís na mesquita de Córdoba.

Non foi sen tempo que neste ano ía coincidir o 25 de xullo en domingo, unha planificación coordinada daría froito e reforzaría o papel da provincia con plans estratéxicos. Propoño, agora que o 2022 tamén será santo, un novo enfoque que poida vertebrar a provincia. Non fago nada que non fixera antes Xi Jinping; non o teño por demócrata, pero visto o visto tampouco os teño a outros. A renovación da ruta da seda como apertura ao mundo foise completando con accesorios: os últimos, o 4.0 , onde Huawei prima; e agora unha variante da saúde da seda. China, a través das súas inversións en infraestruturas pretende ser un poder omnipresente brando a nivel mundial. Temos que ser conscientes que foron as manufacturas chinas quen nos proveron de máscaras nos primeiros meses, ademais de toda a tecnoloxía que forma parte dos hospitais e que están polo menos ensambladas na China. Usando o metal que é a prata, fiemos unha estratexia coherente.

O camiño que entra pola Mezquita ou por Valdeorras, ten a media distancia a mina da Penouta, co seu coltan, outro mineral que agora é preciso para a vida dixital. Os metais que son dúctiles como a fibra que impulsen unha calidade e velocidade de rede para toda a provincia e non só nos núcleos maiores. O traballo metalúrxico que antes houbo nas ferrarías agora debe ser de novo impulsado polos centros de formación para xerar novas ferramentas. A electricidade que serve para galvanizar será a fonte enerxética, a capacidade de producila non está ben pagada, xa que temos os custos e non os beneficios.

Resumindo, unha minería sostible, unha mobilidade eléctrica e un coñecemento técnico apoiada nun camiño de fai mil anos.

Como me digo a min mesmo, pena non pensalo antes, pero aínda estamos a tempo de ir facendo camiño, que nos leve a un futuro mellor.