Traballar todos xuntos

Felipe Ferreiro FIRMA INVITADA

OURENSE

MIGUEL VILLAR

15 jun 2020 . Actualizado a las 13:55 h.

perspectiva que temos dende o mes de xuño, case albiscando a fin do estado de alarma, é moi diferente a cando hai xusto tres meses iniciábamos unha etapa de confinamento nunca antes vivida no noso país.

Perecía ciencia ficción, sucedéndose os días entre as escalofriantes cifras que deixaba a pandemia, os aplausos aos sanitarios, a incertidume e, ¡como non!, a esperanza ao mirar á cativada, que de forma exemplar nos amosou o camiño cara aos arcos da vella, levando a mensaxe de que «todo irá ben» ás fiestras de cada fogar.

A pandemia do coronavirus está sendo unha crise sanitaria e social global que está cambiando a nosa forma de vida. Pero ademais esta crise deixa unha paisaxe na que organizacións sociais como a nosa teñen que poñer o foco nas persoas en situación máis vulnerable.

Durante estes meses de confinamento e desescalada, grazas á colaboración xenerosa de empresas, de persoas socias e doantes, así como grazas á mobilización de voluntariado comprometido, fixemos máis de 4.700 entregas económicas e de bens de primeira necesidade na nosa provincia. Fundamentalmente alimentos, pero tamén produtos de hixiene, a través do Plan Cruz Vermella Responde.

A moitas das persoas beneficiarias destas axudas xa as estábamos acompañando dende antes, por situacións de traballo precario, escasos recursos e falta de rede de apoio. Pero noutros casos son persoas que por primeira vez precisaron axuda, xa que dende o minuto cero o coronavirus levou por diante o emprego que sustentaba a cobertura de necesidades básicas das súas familias.

Ademais, para unha provincia envellecida como a nosa, as persoas maiores estiveron, están e estarán sempre no centro da nosa acción. Atender as súas demandas, acompañalas e que non se sintan soas ten sido un reto para nós.

Por todo isto, debemos poñernos a traballar conxuntamente co obxectivo común de non deixar a ninguén atrás e manter, mesmo fortalecer, o estado de benestar. En xeral, é preciso un compromiso serio e perdurable no tempo para atender as demandas básicas da poboación así como a súa saúde física e mental.

Máis en particular, no ámbito no que nós traballamos, sabemos que o emprego é a mellor vía de inclusión social. De aí que a formación para o emprego, por competencias e habilidades persoais, sexa unha línea estratéxica aínda máis importante do que xa era. O camiño pasa por adaptar a recualificación profesional con formacións a distancia ou semipresenciais, implementando o traballo en rede, a orientación de forma virtual e aproveitando ao máximo as tecnoloxías actuais das que que dispomos.

Algo que temos que potenciar dende a infancia para contribuír á igualdade de oportunidades no ámbito educativo, ao tempo que debemos protexer os seus dereitos investindo así no seu futuro.

Ao longo do tempo a humanidade pasou por distintas pandemias que mermaron a poboación, mais nunca vivimos unha na que o acceso á información para a prevención e do avance da enfermidade fora inmediata. Esta vantaxe, mais a seguridade e confortabilidade dos nosos fogares, deben facernos recapacitar e actuar con precaución para seguir na senda na que estamos segundo os actuais datos sanitarios.

Como organización humanitaria, presente en máis de 190 países, unha vez máis estamos para axudar a quen máis o precisa, no momento da emerxencia pero tamén durante a recuperación. Porque dure o que dure, sumando forzas seremos capaces de superar a situación que vivimos. Traballaremos cóbado con cóbado, como agora está de moda saudarse, para que volvan as apertas e quizais unha realidade semellante á que lembramos con saudade.