Un ourensán!

Xosé M. Rodríguez ANACOS

OURENSE

04 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O sistema sempre se defende e remuda para volver ter todo de man. E as máis das veces faino grazas a mecanismos que cavilabamos como cousas do pasado e non eran tal. Volven os tempos do máis coñecido deporte estatal -a envexa-, dos confidentes e dos que andan a encirrar como bos exemplos de salvadores da patria e gardadores das esencias da ética e a moral.

Nas Rías Baixas andan os herdeiros dos inquisidores na procura dos ourensáns, como os seus devanceiros o facían perseguindo xudeus para escacharlles o corpo. Disque os viron por Poio, por Sangengo -léase Sanxenxo en dialecto mesetario e de alienado indíxena que quere parecer tal-, por Bueu, por Raxó e por toda a cristiandade. E logo vai e resulta que nin tal houbo porque os xudeus disque eran de por alí ou da contorna. Que non digo que tal non ocorra, que escasos hainos tanto en Ourense como nas Rías Baixas, e a pouco que miremos en todas partes. Que o mesmo hai quen organiza un macrobotellón como a quen lle dá por convidar a medio planeta a unha enchente onde lle peta.

Con este estado de alarma transformado en estado de sitio igual se nos está indo a man e habería que ir mirando de volver determinadas cousas ao seu, porque este goberno de policías de balcón e de confidentes de fin de semana está sacando o peor de moita xente. E xa lles chega con ser como son para por riba darlles corda para que se perdan.

A saber que lles agarda aos que se acheguen á costa este verán. Seguro que volven ao vello e coñecido dilema de «traedes as patacas da casa» contra o «vímosvos sacar a fame do corpo». Sen novidade na era poscovid.