O Consello da Cultura impulsa un proxecto para devolver ó presente á xeración Nós

La Voz OURENSE

OURENSE

MIGUEL VILLAR

O historiador Afonso Vázquez-Monxardín participará nunha iniciativa que empregará formatos multimedia e de xeolocalización

10 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«Nós: de onte a hoxe» é o proxecto co que o Consello da Cultura Galega, a través de material biográfico e documental sobre a revista Nós, conmemora o centenario dunha xeración irrepetible de intelectuais que neste 2020 cumpre cen anos de vida. «O especial contén unha xoia da cultura do país: os roteiros manuscritos que Ramón Otero Pedrayo deseñou na década dos sesenta para o seu amigo Silvio Santiago, unha das personalidades da colectividade galega en Venezuela», indican desde o Consello da Cultura.

Por medio da plataforma Arcgis, que facilita a elaboración de novas narrativas a partir da xeolocalización, ofrécese un itinerario segundo o ideou Otero Pedrayo e nel incorpóranse materiais recentes elaborados por outros colectivos que evidencian que a concepción de cultura, paisaxe e territorio recollida pola sociedade galega contemporánea ten o seu berce na xeración Nós. O historiador Afonso Vázquez-Monxardín será o editor literario encargado destes textos.