Mañá

Marcos Guimarey ARGUMENTARIO

OURENSE

05 abr 2020 . Actualizado a las 11:08 h.

Hoxe pensamos nos que xa non están, mañá será outro día. Esta pandemia leva aos nosos ascendentes coma o fume, os enterros sen veciños fan dano á nosa comunidade parroquial. Nacemos para morrer; na miña casa polo menos, nacemos para ser enterrados con misa cantada e tres curas na igrexa a barrote. Coido que no meu fogar fallar a este rito sería peor que a mesma morte.

Segundo as sondaxes a motivación primordial foi non contaxiar aos nosos. O empuxe neoliberal tratou de facernos individuais, pero somos comunitarios; nestes momentos que volvemos ao común non deberiamos deixar pasar o impulso primario de reforzalo: primeiro a sanidade pública, que vai ligada á investigación; é vital recuperar as residencias públicas de maiores e dependentes. Sempre o repito: coida a quen te coida.

Das enquisas, a segunda preocupación é a economía ligada ao fráxil traballo. Mañá, moitas obreiras estarán nun ERTE. Coido que nalgúns casos é necesario para manter os fluxos de tesouraría. A decisión tería que estar precedida pola defensa da saúde dos traballadores. O líder será quen puxo a saúde dos seus obreiros antes que os beneficios a curto. Sairá máis reforzado se inclúe as reflexións de todas no mundo que está por vir. Porque o mundo de mañá non será como o de onte. É necesario pensar como serán os novos clientes, os novos provedores, e as cadeas de subministro, e a ecoloxía, e os prazos.

Un xogo: o sector téxtil é importante na nosa provincia. ¿Como será a experiencia de compra mañá, logo do confinamento? ¿Volverán as tempadas ou xa nos conformamos co que temos no armario? ¿Apostará alguén por probadores que se autolimpen, ou só serán tendas virtuais? ¿Como será a garantía de hixiene da roupa que me chega á porta, necesitarei probas? ¿Será blockchain a ferramenta garante? Milleiros de escenarios e preguntas que toda a forza traballadora necesita formular para ir atopando respostas. É importante garantir postos, porque é necesario pensar máis, e en máis situacións das que se postulan.

O que está claro é que mañá, nin a administración provincial nin a local van axudar nese pensamento estratéxico que ten que xurdir da propia clase obreira. Se se aspira a máis, un non se pode relaxar.