Van quedando polo camiño moitas persoas. Uns por coronavirus e outros non. O mesmo o familiar do veciño que estaba nunha residencia que o recoñecido director, médico ou ilustrador. Uns pola pandemia e outros non, e mesmo nalgúns casos nin saberemos se por unha cousa ou por outra, que ata para iso hai o seu aquel.
Coñeceremos cada pouco xestos de solidariedade. E saberemos de quen perdoa un alugueiro, quen cociña para os que se están deixando a saúde, mesmo a vida nalgún caso, ou quen deixa a súa casa para os que a necesiten.
E volveremos escoitar mensaxes de responsabilidade para quedar na casa e mesmo de esperanza que agarda ser ledicia. Sairemos desta, resoa en todas direccións, mais con todo e tan importante saír como saber en que condicións. Será coa lección aprendida e coas cousas claras ou volveremos ao xa coñecido neste lado do mundo: cargo de conciencia, orde, esquecemento, relaxación, insolidariedade e volta a empezar. Daquela non será a peste, nin a gripe, nin o Covid-19 nin outra cousa semellante. Será moito peor.
Por volta destes anos non foron poucas as veces que os diferentes sectores vencellados á sanidade pública se teñen manifestado. Vímolos nas rúas denunciando o desmantelamento da mesma para desviar os cartos ás empresas privadas. E o mesmo pasou coa educación e os sistemáticos recortes. E agora así estamos, dependendo das esmolas e da vontade dos mesmos traballadores, nos dous sectores, que levan anos castigados. Saír, sairemos; mais coa lección aprendida?