Imos

Marcos Guimarey ARGUMENTARIO

OURENSE

08 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Imos xuntas ás concentracións, ás marchas e manifestacións. Hai comportamentos que predispoñen para compartir, camiñar xuntas marca unha dirección e así é máis sinxelo chegar a grandes consensos. Por iso imos, non só por sentirnos arroupadas, senón por cambiar o paso.

Dun ano para acó a situación das mulleres na provincia non mellorou nos grandes estatísticos: a fenda salarial segue sen minguar, a taxa de emprego a tempo parcial é infinitamente superior a das mulleres ca dos homes; os sectores nos que se empregan están e parece que estarán eternamente feminizados. Coma todos os anos duplican a súa xornada laboral, no traballo ­-precario- e no fogar, onde agardan as tarefas de coidado.

Chega o tempo de ir materializando os pequenos fitos. O proxecto de lei de «liberdade sexual», un pasiño; e, como dixemos ao principio, camiñamos xuntas. Temos moito que traballar, continuemos cunha lei de protección ás familias monomarentais, que son as que están en maior risco de caer na pobreza maiúscula. Preparemos unha lei integral para protexer ás traballadoras que se encargan de coidarnos, como comunidade non debemos aturar que se vexan día si e día tamén ás portas dos concellos a reclamar salarios e dereitos. Sempre quedarán loitas orfas por parte de colectivos maioritarios, pero é nesas pequenas hortas onde están outras reivindicacións; refírome aos colectivos cristiáns feministas, que escollen esa forma de ser e estar no mundo, e se enfrontan ao poder superlativo.

Nós imos, e elas veñen cara nós, a xenerosidade comeza por ofrecerlle unha man. A pesar das grandes diferenzas, e da contradición que enxendra o seu discurso, hoxe camiñamos xuntas e se cadra mañá nos vexamos noutra; que elas sexan unha cuña no sistema máis patriarcal e opresor que perdura.

Mañá cando fagamos reconto, que non falte ningunha. Que pasado, tampouco, e así o resto dos días. As leis que emanan do pobo teñen que poñer todo o seu esforzo en protexer a vida, que é fráxil. Tan fráxil que o mínimo organismo vivo é capaz de trocar o mundo en 15 días, que non poderemos facer si nolo propoñemos.