Retratos de Plácido L. Rodríguez

La Voz

OURENSE

xmr

O fotógrafo ourensán amosa unha escolma do seu traballo na Fundación Vicente Risco de Allariz

03 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Ata o 12 de abril • Sábados e domingos: de 12.00 a 14.00 horas • Fundación Vicente Risco (Allariz) • O fotógrafo Plácido L. Rodríguez (Gomesende, 1954) anda nestes días dividido entre os dous lados da raia. O sábado clausurábase na Casa da Granja (Amarante) a súa exposición «Arquitecturas da alma» e ese mesmo día inauguraba en Allariz a mostra «Do cero ó infinito».

 O proxecto que amosa na Fundación Vicente Risco está composto por unha selección dos retratos que fixo ao longo da súa ampla traxectoria profesional, xunto con outros realizados no último ano -a imaxe que serve para ilustrar o cartel da mostra é deste 2020-.

Na sala da fundación están imaxes datadas dende os anos 80 á actualidade. Jorge Luis Borges, Korda -o autor da mítica foto do Che-, Robert Mapplethorpe, Eugenio Granell, Alberti, Alberto Schommer, Claudio Ruiz Zafón, Isaac Díaz Pardo ou Héctor Carballo, entre outros, comparten o protagonismo con retratos realizados o pasado ano ao Padre Fontes, Xosé Manuel Beiras ou ao cociñeiro Amador.

Na inauguración da mostra Plácido L. Rodríguez lembrou que o retrato esixe unha complicidade coa persoa coa que se traballa e amosouse agradecido cos que ao longo destes anos se deixaron retratar por el.