Fitur ou o bálsamo máxico

Xosé M. Rodríguez ANACOS

OURENSE

23 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A roda non para. E seguindo o saber popular acae aquilo de que xa están medrando os días; o de que remataron o Reis, está de camiño o entroido e en nada, tres telediarios, estamos na Semana Santa e co verán á volta.

Logo de tantos anos alimentando ilusións, exercendo de bálsamo contra todos os males, sendo un argumento perfecto para uns días de desconexión -nalgúns casos as xornadas máis agardadas do calendario anual- e mesmo para ampliar a axenda e a relación de coñecidos e amizades, Fitur debería entrar pola Seguridade Social. Onde mellor te pode mandar a túa médica de cabeceira? Pois claro!, a unha feira onde podes percorrer non sei cantas ducias de países sen saír dun espazo como é o recinto de feiras que o acolle, ademais coñeces unha chea de xente -do agricultor que mira pola colleita do café nun país que non es quen de situar correctamente no mapa a unha bailarina ritual asiática- e o peto non se resinte.

E veña todos a Fitur. O conselleiro de Cultura a presentar a candidatura da Ribeira Sacra a ser Patrimonio da Humanidade da Unesco, Caballero a presumir de luces e os pequenos concellos a tentar facerse un oco para ver de apañar por algures uns minutos de atención para colocar a súa mensaxe e espallar os recursos para que os investimentos realizados con moito esforzo dean algún rendemento.