«Ao saír do quirófano Carlos díxome cun sorriso 'Diagnostiqueime eu'»

Xavier Casares lembra o pasamento repentino do escritor e xestor cultural


ourense / la voz

A madrugada do 9 de marzo do ano 2002 un trebón abaneou o panorama cultural e institucional galego. De súpeto, a nova da morte de Carlos Casares (Ourense, 1941 - Nigrán, 2002) empezou a percorrer o país, sementando de par dela incerteza, a incredulidade e abatemento. Co pasamento do escritor e articulista ourensán desaparecía un dos autores de referencia da literatura galega e un dos persoeiros da cultura, dende sectores como o editorial ou o da actividade institucional. Director de Galaxia, presidente do Consello da Cultura Galega, membro da RAG e responsable do PEN Galicia, Casares era unha das figuras senlleiras da cultura galega.

Comezara a súa carreira literaria en 1966 coa publicación do seu libro de relatos Vento ferido e foi sumando títulos que se converteron en clásicos da historia da literatura galega. Entre outros Xoguetes para un tempo prohíbido (1975), Os escuros soños de Clío (1979), Ilustrísima (1980), Os mortos daquel verán (1987) ou Deus sentado nun sillón azul (1996). O seu título póstumo foi O sol do verán (2002). Significouse de xeito destacado no panorama da literatura infantil e súas son obras como A galiña azul (1968), As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas (1973) ou a serie de Toribio.

Testemuña de excepción daquela tráxica madrugada do 9 de marzo do 2002 é o seu irmán Xavier Casares Mouriño. «Foi todo moi duro e totalmente inesperado. Ás doce da noite estiven falando con Carlos de cousas normais, coma sempre, e tres horas despois chámame o seu grande amigo Manuel Álvarez dende o Meixoeiro dicindo que Carlos ingresara cun infarto, que estaba no quirófano e que os médicos trataban de solucionar un problema arterial serio nas coronarias». Faltoulle tempo para saír a toda presa para Vigo «e cando cheguei saía Carlos do quirófano, mirou para min e cun sorriso díxome ‘Diagnostiqueime eu’. E, efectivamente, así fora. Acompañámolo ata a unidade de Coidados Intensivos, estivemos un momentiño con el e fómonos porque nos dixeron que tiña que descansar. E marchamos para a casa de Manolo -Xavier Casares sempre lle chama Manolo Filósofo porque así o alcumaban por ser profesor de Filosofía-. Alí estabamos, tomando un café e falando de como acontecera todo o relacionado con Carlos; e soa o teléfono e unha enfemeira di que subamos ao hospital que o médico quere falar connosco. Manolo ponse moi nervioso, dáse conta de que as noticias non son boas e marchamos rapidamente ao Meixoeiro».

 

O remate foi o peor dos posibles, como lembra Xavier Casares: «O médico díxonos que tivera un segundo infarto e que non puideran facer nada. Aquilo supuxo para min un trauma terrible, como para calquera ao que lle anuncian a morte dunha persoa próxima, nova, e de forma totalmente inesperada».

 

Outro desenlace

O irmán de Carlos Casares hai anos que é presidente do Liceo de Ourense, unha institución especialmente querida polo escritor e articulista -as súas columnas da última páxina de La Voz de Galicia eran referencia inescusable e mesmo xeraban inquedanza e curiosidade acerca dos persoeiros dos que falaba ou mesmo dos animais da familia-. Carlos Casares afirmaba sempre que o Liceo era a súa segunda casa, a natal estaba orixinariamente na esquina de Habana e Cardenal Quevedo -no solar que ocupa o edificio que ten no baixo unha tenda de mobles- , e unha placa lembra o espazo no que se celebraban as tertulias nas que el participaba. Tamén marcou unha etapa senlleira da institución como organizador dos Encontros Literarios do Liceo, xornadas anuais polas que pasaron os autores máis sobranceiros da literatura do Estado.

Dende o seu despacho do Liceo, Xavier Casares incide nas circunstancias nas que se desenvolveron os feitos aquela tráxica noite. «El decatouse do que lle estaba pasando, chamou ao ambulatorio e mandáronlle unha ambulancia. Entrou no xardín da casa, o terreo estaba húmido e quedou atrancada e tardaron bastante tempo ata que o levaron ao ambulatorio. E unha vez alí tamén pasou bastante tempo ata que o atenderon... -cala, mira a parede do fondo sen ver- Son incidentes que non quero lembrar neste momento...». A pregunta é obvia e a resposta rotunda: «Si, de non ser así o desenlace posiblemente tería sido doutra maneira».

 

Letras reivindicativas

Carlos Casares estivo mergullado nunha intensa actividade cultural e mesmo política, como deputado autonómico independente dentro das listas do PSOE. O seu irmán incide de xeito especial na súa condición de dinamizador e de creador de equipos de traballo para materializar proxectos. E cita, entre outros exemplos, os casos de Galaxia e o Consello da Cultura Galega.

Ao escritor estiveron adicadas as Letras Galegas do 2017. Unha circunstancia que para o seu irmán axudou a revisitar e reivindicar o legado de Carlos Casares. «Ademais de lembrar a súa figura e a súa obra, tivo unha importante divulgación a súa literatura infantil e xuvenil. Houbo un traballo realmente importante nos centros escolares e unha grande movilización de nenos arredor dos seus libros». A aposta do escritor e dinamizador cultural ten continuidad na Fundación Carlos Casares, que vén de presentar un premio aos novos talentos.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

«Ao saír do quirófano Carlos díxome cun sorriso 'Diagnostiqueime eu'»