As entidades crean unha convocatoria anual co nome de Carlos Casares e Kristina Berg
05 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.A Deputación de Ourense e a Fundación Carlos Casares veñen de crear un novo premio que se sumará aos que xa existen no panorama galego. Máis non será un galardón ao uso nen unha proposta que se enmarca nun sector concreto: o Carlos Casares-Kristina Berg, que así se chamará, terá como finalidade recoñecer e apoiar o «talento activo» e precisamente na promoción e potenciación dese talento será no que se investirán os 10.000 euros cos que estará dotada a convocatoria. Os gañadores do Premio Carlos Casares-Kristina Berg ao Talento Activo poderán empregar ese diñeiro no que consideren oportuno: desenvolver un proxecto, cursar un mestrado, investilo en material... o que estimen necesario.
O novo galardón que se incorpora ao panorama galego foi presentado na Deputación de Ourense por representantes das dúas institucións que o promoven: José Manuel Baltar Blanco polo organismo provincial e Hakan Casares, administrador da fundación que leva o nome do seu pai. María Canosa participou en calidade de integrante do xurado e Gustavo Garrido, da Carlos Casares, foi o encargado de dar a coñecer as bases da convocatoria. No acto tamén participou Xavier Casares Mouriño, presidente da Fundación Carlos Casares.
Propostas de institucións
Á presentación ao Premio Carlos Casares-Kristina Berg ao Talento Activo é outra das características que o afastan das convocatorias tradicionais: as persoas que opten a este galardón deberán ser presentadas ao mesmo por unha institución galega, deben ser residentes na comunidade autónoma «ou ter residido nela durante a metade da súa formación académica, ou durante un mínimo de tres anos da súa carreira profesional», ter menos de 36 anos, non ter recibido o premio en convocatorias anteriores e demostrar unha actividade relevante en calquera área de coñecemento. Os candidatos, segundo se recolle nas bases, «poden ser nomeados polo xurado ou por institucións galegas, como universidades, centros de investigación, fundacións, etc, por propia iniciativa ou a requerimento das entidades convocantes».
O prazo de presentación das propostas será entre o 1 de xaneiro e o 15 de maio do 2020 e as bases poderanse consultar nas páxinas das dúas institucións: www.epourense.es e www.fundacioncarloscasares.org e o xurado encargado condecer o Premio Carlos Casares-Kristina Berg ao Talento Activo estará formado por José Manuel Baltar Blanco, Francisco Javier Casares Mouriño, María Martinón Torres, Fernando González González -Gonzo-, Cristina Pato Lorenzo e María Canosa Blanco. Tamén formará parte do mesmo a persoa galardoada na edición anterior -a partir do 2021-.
A filosofía do novo galardón galego ten un obxectivo claro que aparece recollido nas bases: «Descubrir e recoñecer e apoiar o talento activo dunha peersoa nalgunha das área de coñecemento e colaborar no seu desenvolvemento no marco dus proxecto vital interesante e prometedor. Non se pide nada a cambio, pois é unha aposta de futuro baseada nos méritos do presente». E nesa liña se manifestaron os que participaron no acto de presentación deste novo galardón de ámbito galego.
O presidente da Deputación enmarcou o proxecto nas liñas de colaboración que manteñen a Fundación Carlos Casares e o organismo provincial «para manter vivo o seu legado, a súa obra e a súa traxectoria; e neste caso para ir un paso máis: apostar polo talento da mocidade de Galicia». Hakan Casares vencella a convocatoria no espíritu do seu pai: «El adicou unha parte moi importante das súas enerxías a formar xente nova, promocionala e valorar o seu traballo», sinalou.
Pola súa banda María Canosa, que formará parte do xurado que concederá o premio, lembrou que «Carlos Casares foi moito máis ca un escritor, foi un activista cultural que sempre tivo vontade por achegarse aos máis novos, tratándoos de igual a igual. Es premio recolle moi ben ese legado de Carlos Casares e Kristina Berg».