Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre actúan o vindeiro domingo na carpa da Festa do Marisco do Grove
05 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.O de Xabier Díaz é seguramente o mellor que lle ten pasado á música tradicional galega nesta década que se nos escapa das mans. Ninguén coma el foi capaz de achegar estes sons a un público que ata non hai nada lle era alleo. Ninguén coma el soubo tinguila de contemporaneidade, liberala de prexuízos, enchela de poética e upala a altares ata entón reservados a outros xéneros.
O espectáculo que artellou xunto ás cativadoras cantoras e pandereteiras Adufeiras de Salitre, baseado nos seus catro discos en solitario, é posiblemente o máis fermoso que hoxe en día se pode ver enriba dun palco en Galicia. El sorrí e cala cando se lle comenta. «Seguinte cuestión».
-Que lle parece formar parte dunha programación tan variada coma esta?
-Supoño que é sintomático. Eu no me atrevo a dicir que se está cambiando o modelo dunha maneira radical pero si que se están introducindo variables diferentes. E iso sempre me pareceu tremendamente enriquecedor.
-Propostas como a súa poden conseguir atrapar a esta xeración, que semellaba case perdida para a música tradicional.
-Pode ser. Eu o que si que percibo é un rexurdimento destas músicas. E pouco a pouco vai a máis. Nomeadamente a música cantada. Eu son moi optimista neste sentido. Coido que esas barreiras e prexuízos que existían con este tipo de música van a menos. No noso caso facemos música tradicional do século XXI. A xente escoita algo que ten o fresquío de estar feito agora por xente deste tempo e á vez ten esa conexión telúrica coa enxebreza e co latexo propio do sitio onde somos.
-Bueno, entre trad e trap só hai unha letra de diferencia.
-(Rise) Efectivamente. E se cadra entre elas hai menos distancias das que a priori puideramos establecer.
-Explíquese.
-Hai xente que está facendo trap mesturado con músicas do mundo. Estanme chegando cousas interesantes nese sentido. E mesmo escoito compañeiros que din que non lle importaría facer cousas con xente dese mundo. Non é o meu caso, eh!.
-«No folk estábase quente», dicía Guadi Galego.
-Se se refería a estar confortable, hoxe en día non se está confortable en ningún lugar. Non me parece que os indies ou os popeiros sexan máis valentes ca min. En absoluto.
-Estamos pagando as consecuencias de ter creado un xigante con pés de barro naqueles anos dourados do folk subvencionado?
-Probablemente. Pero eu non me recoñezo aí. Eu vou a tocar todos os anos á Capitol, ao teatro Principal ou á sala Galileo Galilei de Madrid e vou a billeteira. Eu non son sospeitoso de acomodarme nin de vivir ao abeiro de patrocinios ou subvencións. Gustaríame saber se neste territorio da música independente todos arriscan tanto como estou arriscando eu.
-Neste outono vai de xira a América. Que vai buscar?
-Vou testar os públicos que hai aló que me teñen demostrado que están tremendamente interesados nas músicas do mundo. Non quero que a perspectiva desa xira sexa demasiado endogámica. Non quero dirixirme só ao público da diáspora. Así que imos outra vez a arriscar e a mollar as pernas, que é o que máis me seduce.
-Haberá novo disco de Xabier Díaz no 2020?
-Si, xa está confirmado. En marzo aproximadamente. Aínda non están os últimos detalles perfilados pero si, xa estamos traballando intensamente na última fase do disco.