Un deserto cultural

Xosé M. Rodríguez

OURENSE

06 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Non semella que vivamos nos mellores tempos culturais. Os proxectos van mirrando e a cada ano que pasa imos engadindo novas baixas a un ermo camiño de ser deserto.

Nos baleiros que sumamos figuran propostas que foron emblemáticas -como o Outono Fotográfico, as Xornadas de Banda Deseñada, tempo atrás a Bienal de Gravado, e outras iniciativas- e seguimos sen medrar por arriba. É dicir, xerando novas accións e proxectos que se teñan convertido nun referente inescusábel no seu sector en Galicia. Algo vai aparecendo ou anovándose, máis están pendentes de pasar a reválida.

E se xa era malo o panorama agora confírmase que a cousa pode ir a peor, con FITO e Pórtico do Paraíso en risco polo recorte de axudas por parte do Concello de Ourense. Botar man de argumentos como a rendabilidade da cultura ou que a xente se vai facer rica por cobrar polo seu traballo son unha perfecta foto fixa de quen os pon enriba da mesa. Fico tranquilo ao saber que quen os fai non pasará de gobernar onde está, xa que senón pecharíamos a provincia -hai máis pensionistas que cotizantes-, o CHUO -que administra algúns tratamentos de altísimo custe e no que non compensa ter á xente tanto tempo-, os colexios -que vaian á privada- e ata as brigadas forestais -total, os incendios rematan por extinguirse sós-.

Con todo hai marxe para a esperanza xa que seica o Principal vai ser un referente mundial. De certo que con esta política de ocorrencias, xenialidades de intelixencia artificial e traumas ianquis estamos no bo camiño. Xa queda menos.