O máis difícil todavía de adicarse ao circo

Pablo Reboleiro FIRMA INVITADA

OURENSE

LelencoNatasha

Pablo Reboleiro, Trasno, é director artístico de Piscacatro Productora de Soños e fala de malabares e artes escénicas

23 jul 2019 . Actualizado a las 19:29 h.

Eran os anos noventa, aínda non había móbiles, nin Internet. A información compartíase de boca en boca, a través das experiencias vividas. Coñecíamos só de oídas o Circo de los Muchachos, noutrora un dos máis importantes e prestixiados circos de Europa. Buscabamos un mundo máis xusto, máis igualitario, onde os humanos non competísemos para gañar e ser mellores que os outros, senón cooperásemos para gañar todas, gozar de compartir máis que de ter. Ubuntu sobre capitalismo.

Descubrimos o mundo dos malabares por amigas que foran de viaxe por Europa e coñeceran artistas de rúa que pasaban o sombreiro nas prazas de Londres, París, Amsterdam... Educados no deporte, onde uns gañan e outros perden, atopamos unha arte onde a cooperación xeraba espectáculo. Loitabamos xuntos contra Newton para manter os obxectos no aire. Competiamos con nós mesmas para superarnos.

Xuntámonos en Santiago, na Casa Encantada, onde todo ese mundo parecía posible. E apareceu Malabaranda, a primeira compañía de malabaristas de rúa de Galiza e a Festa de Circo, primeiro na Encantada e despois na Sala Nasa, ante unha grande afluencia de público. Arredor deste evento un grupo de novos artistas de Compostela mostrámonos ante o público buscando novos formatos, novas linguaxes. Nacera o Colectivo Pistacatro.

Mais, non había Youtube. O xeito de aprender era viaxando. Así chegou a época que nós chamamos O Éxodo: Arxentina, Brasil, Barcelona e, sobre todo, Londres, destinos onde encher de ilusión, técnica e títulos oficiais os nosos talentos. Despois da diáspora, O Retorno, coincidindo co destronamento de Fraga, cando, durante catro anos, chegamos a pensar que podiamos vivir disto dignamente...

Aí foi cando formalizamos Pistacatro Produtora de Soños, como unha S.L. Conseguimos un espazo amplo, unha nave en Milladoiro: Circonove onde poder ensaiar, adestrar e ensinar. Mágoa que pasásemos case todo o tempo na pequena oficina do piso de arriba achicando auga en vez de abaixo suando circo: subvencións, facturas, trimestres, estrés, escatro, pistacatro... Dende aquela reclamamos á Administración un espazo propio nas artes escénicas, loitando sempre contra ese mantra de «arte menor».

E tivemos moitas aliadas que creron no circo desde o inicio, que vían que isto non era unha moda, un exercicio de adolescencia rebelde. Que o circo saíra das carpas, das familias de toda a vida e integrárase na sociedade para ficar, que o circo é esta parte de nós que nos empuxa a superar os límites, a arriscarnos e saltar, ás veces sen rede, confiando en que o traballo feito, o adestramento e a nosa paixón nos manteña sans e a salvo. Grazas Chévere, Avelino...

Topamos moitos atrancos, e incluso mentiras e enganos dalgún director da Agadic, agora traballando na SGAE. Pero tamén aliadas que creron e apoiaron dende o comezo. No ano 2007 Cristina Domínguez abriunos as portas do Centro Dramático Galego para coproducir Kamikaze, a nosa posta de longo... Un nome moi de acordo coa aposta que fixeramos.

Logo veu Purgatorio, e con el a crise, un cambio de goberno e cuantiosas perdas económicas, parecía que os títulos se ían convertendo en realidade como se estivésemos a escribir a Historia Interminable.

Chegou a reestruturación, o minifundismo cultural, con espectáculos de pequeno formato: Encontros, Ringorrango, Residuo, Sapiens... e os nosos shows de rúa cos que cubriamos as carencias coas propinas dos peregrinos na gorra.

Despois doutra noite de pedra, se cadra non tan longa, decidimos apostar unha vez máis, morrer matando e voltamos ás grandes producións: Impreuna, Desperta, Outono, Orquestra de Malabares, poñendo en valor o circo como xerador de dramaturxias propias. E pechamos o círculo con Arnoia, Arnoia, de novo co CDG o ano pasado.

Logo de tanto pelexar este premio séntese xusto, merecido. Como tamén o sería para calquera das outras compañías coas que compartimos este precario sector. Porque, o «máis difícil todavía» non está na pista de circo, na escena, na rúa. O «máis difícil todavía» está en sobrevivir, en continuar a ter paixón polo que facemos despois de xustificar unha subvención, en sentir que, a pesar de todo, un sorriso, unha gargallada merecen a pena. Grazas MIT de Ribadavia. Grazas ao noso público que nos dá sentido. Grazas a Manu que nos acompaña sempre.

Pablo Reboleiro, Trasno, é o director artístico de Pistacatro Produtora de Soños, compañía galardonada co premio de honra que concede a Mostra Internacional de Teatro que se celebra estes días en Ribadavia