O que esta morto, non pode morrer

Marcos Guimarey ARGUMENTARIO

OURENSE

07 abr 2019 . Actualizado a las 08:00 h.

Game of thrones. Xogo de tronos. T2E4, podería ir facendo o texto, enfiando un lema dunha casa co título de outro capítulo ata chegar a facer un conto con introdución, discusión e remate. Cando lle regalaron o deuvedé á Casa Real, aínda quedaba moito sangue por coagular; agora, a tempada final está a piques de comezar e coincide cunha odisea electoral. Preparemos logo a pedra de afiar, falemos barallete (alto valirio) e dispoñamos as cadeiras en posición horizontal.

Andrés P. Mohorte fixo unha análise xeopolítica de Xogo de Tronos. Os empréstitos do Banco de Ferro son a causa de moitas das guerras cruentas que se relatan; a banca, por cobrar, incluso financia ao inimigo, pero non desafiuza reinas.

T1E1, achégase o inverno, o demográfico. Levamos anos anunciando que vén, pero se non se vai a manifestar a Madrid, máis aló do muro, non existe. Acaído o participio, baleirada, España baleirada: ¿quen foi?, ¿quen lle foi quitando xente sen repoñer? Logo, ¿quen se quedou con todo?, ¿os Lannister? Os que en catro días, nos van pedir o voto. T5E1, estaban preparando o argumentario: medidas fiscais, medidas de innovación, de banda ancha, de agricultura na alba da intelixencia artificial, turismo, patrimonio material e inmaterial, teleasistencia, telefarmacia e, incluso, televisión.

Como din os da Casa Greyjoy, «Nós non sementamos». Nin eles, nin moitos das terras ermas que quedan na Galiza, ¿acaso sabe a administración o que costa sementar e saír ao mercado nacional para logo ir ao internacional? ¿U-los consumidores nesa España-Galiza- baleirada? ¿U-los cartos para pagar as mercadorías ao xustiprezo que permita manter luz, pan e teito?

Xeo e lume, podería ser o lema do oriente ourensán, xeo nas casas e lume nas hectáreas e hectáreas calcinadas por unha falta de futuro, na que as propias lapas van alimentando un sector económico que non precisa de dragóns.

Parece que o que xa está morto, non pode morrer; logo só nos queda camiño para medrar, e medrar fortes, como rezan os Tyrell. Precisamos dunha liberadora das cadeas que nos poñen as elites extractivas. Ser libres e dignos neste territorio que debemos manter para o futuro incerto que virá.