A marea vai vir animada

Xosé M. Rodríguez ANACOS

OURENSE

14 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Andaba a cousa frouxa. Nada novo que resultase merecente de prestarlle moita atención ao escaso movemento político, que máis alá das liortas das mareas pouco aportaba. E cando o panorama semellaba estar en modo parálise permanente vai e estoura como esas castañas que van ao lume sen escouchar.

A cidade non parecía que fose a mudar gran cousa o seu debuxo político. Grave erro, xa que un clásico da vida municipal e o eterno merlo branco xa se decantaron para andar, como na poesía de Curros, a pedir polo maio. Un histórico do PP apostou por converterse en cidadán Araújo, unha decisión que deslexitima a ámbalas dúas partes. Logo de 27 anos tendo a política como centro de gravidade, e coa fidelidade a unhas siglas, Araújo queda en evidencia con esta decisión. E Ciudadanos opta polo tiro no pé: da ética e os novos tempos políticos pasan a namorados de Vox -logo de denunciar os de Rivera o AVE a Galicia e o galego- e na cidade apostan por unha fichaxe antes cuestionada e agora imposta aos seus militantes.

E se a liña do horizonte das eleccións municipais non empezaba xa a estar un chisco ateigada na cidade -partidos tradicionais, os da corporación, Adiante, Vox...- dá un paso adiante o tantas veces desexado por varias siglas, e outras tantas desmentido, Jorge Bermello. O tempo pasa e ao mellor a decisión non chega en boa hora. A competencia será dura e numerosa para un novo Bermello na política municipal.

E aínda queda por saber cal vai ser a aposta dos críticos da familia, exfamilia, socialista.