Política diante do espello

Xosé M. Rodríguez ANACOS

OURENSE

O exercicio da política pon enriba da mesa o masoquismo dalgunhas formacións e a falta de consistencia de moitos argumentos recorrentes dos que se adican á representación pública.

Os socialistas son carne de psicoanalista arxentino. Nas primeiras municipais logo da ditadura, as de 1979, xa andaban a navalladas entre PSG e PSOE por aquilo do emprego das siglas. Hai un cuarto de século afrontaban unha crise, outra máis, e os alcaldes de Ourense e A Coruña andaban apañando apoios para facerse fortes nunha etapa na que «A xestora quere recuperar a credibilidade do PSOE en Galicia» e en Ourense, anos despois, ata chegaron a disolver as agrupacións da cidade.

Os ciclos da política son teimudos, e os socialistas ourensáns viven agora co novo secretario provincial o mesmo escenario que cando era Pachi Vázquez o home forte do partido. Co do Carballiño, excesivo e pouco dado ás contemplacións, a técnica era «pasar a rebarbadora» a todo aquel que non fose da corda. O mesmo se era aspirante a deputado provincial que a alcalde do seu pobo ou pretendente a un cargo en Compostela ou en Madrid. Agora chámanlle os afectados «purgas» e seica nunca tal se viu. Uns laianse por quedar sen un bo soldo na Deputación -a Fraga pasoulle o mesmo que a Gómez, ao que abalaron para poñelo a el e ben que lle prestou daquela- e outros por quedar sen representación por aliñarse con que se foi do partido para ter un pretexto para volver polo camiño torto.

Con todo, e grazas a iso, viviremos unhas municipais como xa non se lembraban.