En negro

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

22 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Están os escaparates estes días cheos de carteis negros. Uns porque anuncian as rebaixas do Black Friday e outros porque son moitos os concellos que se suman á campaña «en negro contra a violencia» e logran involucrar ás tendas, esas imprescindibles para que un pobo teña vida... aínda que esta temporada anden de capa caída porque todos acabamos indo ás grandes superficies ou caemos na comodidade de comprar a golpe de clic dende o sofá e que veña o repartidor á casa. Pero o sábado xa non haberá rastro do Black Friday (na meirande parte dos casos) e pouco máis do luns seguirán os carteis en contra da violencia de xénero. Somos así. Poñemos o lazo rosa o día do cancro de mama, pero despois esquecemos que votar aos partidos que apostan por recortar en sanidade non axuda moito á investigación. E todos somos moi solidarios nestes días previos ano Nadal e doamos alimentos para os máis necesitados, como se os que as pasan peladas só comeran nas festas... Non quero dicir que sexamos hipócritas, penso que somos de memoria curta. E por iso as campañas teñen que ser cíclicas, para concienciarnos de que hai moito que facer. Moito para evitar que os adolescentes sigan tendo uns roles de xénero noxentos nos que un que liga moito é un machote, pero a rapaza só leva insultos. Ou que haxa quen aínda diga que se che tocan o cu ou che din calquera grosería mentres che miran as tetas, a culpa é túa por vestir así. ¿Así como? Libre. Libres como deberíamos ser todas. E vivas, como deberíamos estar todas. E non só este domingo, todos os días, todos os anos. Viñeches para quererme, non para mancarme.