Buscando candidato

Xosé M. Rodríguez ANACOS

OURENSE

11 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Anda o panorama político animado. No cabaceiro de Compostela prometeu Feixóo montes e moreas niso que se chama o debate sobre o estado da autonomía ou o estado da nación, segundo as bancadas. Aínda que ninguén remata por concretar en que estado se atopa a nomeada e se hai que preocuparse por iso. O resultado como sempre: de calamidade e desgraza para a oposición, e de paraíso terreal para o goberno. O que se fai a foto en Monte Pío prometeu o que quixo e máis: de rebaixas para as vivendas usadas a un plan de goberno ata o 2027, e mesmo unha chea de medidas para ampliar o benestar -o de quen?- e un Xacobeo no 2021 que vai asombrar á aurora boreal.

A lea semella ter clara explicación, e non é outra que a coñecida proximidade das eleccións municipais. Unha cita na liña do horizonte que ten animada xa a realidade cotiá con visitas de ministros, promesas de chuvias millonarias, presentacións mediáticas de candidatos e compromisos nacidos para morrer de vellos sen verse materializados. E na cidade o mesmo che arman un AVE que reclaman un balneario ou solución para unha ponte en Barrocás.

Que si, que esta é tempada de outono electoral e o mesmo que hai castañeira e agroman os cogordos virán os novos candidatos. Na cidade algúns andan á súa procura e a expectación teimuda volve de novo á casa socialista, onde soan nomes e virán treboadas. Unha cita a de maio que chegará cunha realidade ben diferente a do 2015. O panorama mudou e o futuro pode pasar polos que consigan representación e, de paso, rachar o equilibrio das forzas consolidadas.