Trasalba acollerá o encontro de fundacións vencelladas a «Nós»

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

cedida

O día 20 celebrarase unha maratón de contidos en Wikipedia

28 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

No 2020 celébrase o centenario da saída do primeiro número da revista Nós e as fundacións vencelladas aos persoeiros que promoveron ou se significaron activamente na publicación e na Xeración Nós xa traballan nas actividades a desenvolver. Daquela e nestes anos que aínda faltan para ir espallando o proxecto e o legado dos persoeiros aos que representan cada unha das entidades.

A primeira cita será mañá, en Trasalba, e desde a Otero Pedrayo promóvese a Xuntanza das Fundacións de Nós -o encontro do sábado- e un maratón Wiki-Nós -o día da publicación do primeiro número: o 20 de outubro-. No encontro de mañá participarán representantes das fundacións Otero Pedrayo, Vicente Risco, Castelao, Losada Diéguez e Alexandre Bóveda.

Aberto a público e profesorado

Os membros das fundacións vencelladas a Nós reflexionarán e porán en común as iniciativas e proxectos que se barallan para organizar ao longo do ano 2020 para reivindicar e pór en valor a publicación e aos membros da Xeración Nós. Na Casa Grande de Cimadevila, xa pola tarde -a partir das 16.00 horas- e baixo a dirección de Adrián Estévez, haberá sesións abertas ao público en xeral e ao profesorado. A charla introductoria

A Galipedia e Nós

, a creación e subida de artigos á Galipedia e a selección e distrubción de entradas para a maratón do 20 de outubro centrarán a actividade.

A maratón WIKI-Nós será o 20 de outubro no IES Otero Pedrayo e na mesma incorporaranse á Galipedia 98 artigos, tantos como anos cumpre a revista.