A historia da invasora obrigada

Susana Rodríguez Fariña MEDIO AMBIENTE

OURENSE

Jorge F. Layna

05 jun 2018 . Actualizado a las 14:28 h.

Nahua era unha pequena mapache que vivía nos bosques caducifolios achegados aos cursos do río do Centro e Norte América. Nacera en maio, no seo dunha familia monomarental. Coa súa pelaxe longa e pardo?agrisada, pasaba desapercibida cando, pola noite, saía a buscar alimento. Para esconderse mellor, empregaba un anteface negro arredor dos ollos e uns aneis escuros na súa longa e peluda cola. As súas orellas redondeadas outorgábanlle unha grande capacidade auditiva, que axudada polo olfato ben diferenciado e reflectido no seu prógnato fociño, convertíana nunha moi boa depredadora de aves acuáticas, niños, caranguexos, ovos de sapoconchos, pequenos anfibios... Todo canto se lle antollara. As súas extremidades pentadáctilas, capacitábana para manipular o alimento, lavándoo sempre antes de consumilo. Por isto chegaron a chamala a osiña lavadora!

Unha noite, mentres cazaba ás beiras do río, escoitou un ruído. Alguén axexaba dende a escuridade. Comezou a emitir vocalizacións de alerta, Whoo-oo-oo-oo. De repente, sentiu como un peso moi forte percutía sobre o seu corpo. Non podía oír, non podía ver...

Cando a sacaron dese cárcere estaba nun lugar no que había moita xente, era como un mercado clandestino. Achegouse un home peiteado, con roupa cara e un perfume que penetraba nas glándulas olfativas, máis que o cheiro dun animal en descomposición. Mirouna fixamente e, amosando un faixo de billetes dixo: «levo esta».