A música medieval busca o seu propio espazo nos conservatorios

mar gil OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

Alumnos do centro ourensán aprenden a tocar instrumentos dos séculos XII e XIII

02 jun 2018 . Actualizado a las 16:30 h.

Non se estuda nos conservatorios e os cursos especializados son rara avis. Por iso emociona especialmente o son que as pequenas mans de Gabriel, Martín, Daniel, Xulia, Hugo, Paula e Aroa arrincan duns instrumentos que teñen case tantos séculos como eles anos. Estes novísimos alumnos do Conservatorio de Ourense, de entre 11 e 14 anos, son os protagonistas dun curso pioneiro que permite soñar con que aínda hai esperanza para a música medieval.

Nas pouco solemnes instalacións do Obradoiro-Escola de instrumentos musicais da Deputación impártese desde o mes de marzo un curso baixo a titoría de Valentín Novio e Roberto Santamarina, profesores de guitarra e violín no Conservatorio de Compostela e intérpretes de música medieval. Eles son os mestres dunha obra cultural que ten como simbólicas ferramentas os instrumentos esculpidos en pedra no Pórtico do Paraíso da Catedral ourensá. A reprodución, hai uns anos, desas pezas escultóricas permite agora que Ourense se sitúe á vangarda na aposta pola música medieval.

«A idea -explica Roberto Santamarina- partiu do Obradoiro e do seu director, Manuel Brañas. Trátase de pór en valor o que está feito, de pór en valor eses instrumentos reproducidos no Obradoiro e tamén o seu uso. Son instrumentos para darlles uso; é un patrimonio cultural que a xente non coñece, aínda que esta música talvez está agora un pouco máis de moda».

Na súa opinión, «o mellor que se pode facer é que eses instrumentos sexan usados pola xente de Ourense e de Galicia, que é a quen lle pertencen. Sería un desperdicio que non os usase a xente».

E aí entran os alumnos do Conservatorio, auténticos protagonistas e, sobre todo, auténtica esperanza para as fídulas, as arpas e os salterios arrincados da pedra do Paraíso polos artesáns da madeira e do son. Foron os propios profesores do centro profesional de música de Ourense os que animaron aos seus alumnos a adentrarse no Medievo a través deste curso. Estudan violín, guitarra, viola e piano en distintos niveis académicos e todos ven con bos ollos un futuro no mundo da música. E todos, aseguran, estarían encantados de recibir clases de medieval no Conservatorio.

«Cada un dos instrumentos do Pórtico que están aprendendo a tocar -abonda Santamarina- teñen relación cunha especialidade concreta; así, o achegamento é moito máis sinxelo». Por exemplo, a guitarra actual garda similitudes co laúde representado no Pórtico do Paraíso, que resulta máis acaído para estudantes desa especialidade. Porén, algúns fan un esforzo engadido porque os seus instrumentos non comparten coincidencias. Paula Dios, matriculada en piano no Conservatorio, aprende a tocar o salterio: «Es diferente; lo parecido es que las notas van en orden». Utiliza unha púa, tamén presente no pórtico, aínda que na Idade Media confeccionábanse con corno e non con metal, coma hoxe se fai aquí, matiza Valentín Novio, que apunta que os árabes séguenas facendo como nas súas orixes, con corno de animal. As cordas tamén evolucionaron: as da Idade Media, e as dos instrumentos do Paraíso reproducidos, eran de tripa. Hoxe son metálicas ou de fibra de carbono.

Gabriel nótao á hora de interpretar coa fídula: «Escollín este instrumento pola súa estética, pero os acordes son distintos e é máis difícil que o violín que eu toco normalmente. As cordas son máis difíciles de tocar e é máis difícil afinar». Son algunhas das curiosidades que os rapaces aprenden durante este curso, que ten significado máis alá da música. Daniel Igo-Ochene, alumno de viola, achegouse ao Obradoiro da Deputación porque, conta, «siempre me gustaron los instrumentos antiguos y me gustaba saber de dónde procedían». A Gabriel Macías apetecíalle probar algo novo e a experiencia non o está decepcionando. Martín González sempre sentiu atracción polos instrumentos medievais e viu este curso como «unha oportunidade porque non hai moita xente que os toque». Xulia Rey, que xa se desenvolve ben coa fídula, coincide co seu compañeiro en que a actividade é unha oportunidade que non podía desaproveitar. De feito, fai reconto Roberto Santamarina, «de música antiga téñense feito cursos, pero de antes do XVI, non». En Besalú (Girona) hai un curso de medieval, apunta, pero nada máis.

A singularidade deste curso e o propio valor dos instrumentos é percibido polos alumnos, aínda que, posiblemente, sen a solemnidade que podería ter para un adulto: «Esta música é diferente, fai unha sensación distinta -comenta Gabriel, estudante de violín-. Esta música é máis de festa, máis popular. O violín é como máis serio». Para Xulia ten valor saber que instrumentos moi semellantes aos que ela ten nas mans foron tocados no pasado e Daniel asegura que a aprendizaxe é dura pero bonita. «Es bueno que se les dé vida», reflexiona.

Eles, os seus profesores e cinco músicos que asisten a un curso similar para adultos no propio Obradoiro, encargaranse de insuflar esa vida ás pezas do Pórtico do Paraíso nun concerto que se celebrará o próximo 2 de xuño na igrexa da Trinidade. Alí, persoas como Carlos Castro, inscrito no curso de adultos, verá culminado un proxecto que para el comezou cooperando na construción dunha zanfona e que rematará tocando en público unha das fídulas do Pórtico do Paraíso.

O seu compañeiro Fernando Pascual tocará nese mesmo concerto unha frauta senlleira: «Está representada no Pórtico e ten só tres buratos. Eu non sabía como tocala, foi fochicando nela na casa como o conseguín». Para Fernando o achegamento a estas pezas vai máis alá do son: «A min gustábame a arquitectura destes instrumentos en si, non só a música. E o certo é que non hai moitas oportunidades de tocar unha zanfona. Cursos coma este son grandes ocasións».

O esplendor técnico do Medievo fronte ás carencias académicas actuais

Valentín Novio imparte clases de guitarra no Conservatorio de Santiago de Compostela e é intérprete de música antiga en diferentes grupos. A finais de maio finalizará, xunto con Roberto Santamarina -habitual en formacións como Martín Códax ou 1500-, o seu labor como mestre no curso do Obradoiro da Deputación.

A aposta de ambos é clara e Novio expona de xeito directo: «Para hacer una cosa seria el trabajo debería entrar en los conservatorios. Que la música medieval no esté en los conservatorios es un síntoma grave porque estos instrumentos forman parte de nuestra historia de forma muy especial. Por antigüedad lo primero y también porque el desarrollo técnico de estos instrumentos fue grande, equiparable tecnológicamente a muy pocas cosas, quizás a algunos barcos grandes. Es uno de tantos datos que nos indican la importancia de nuestra historia. El primer Renacimiento fue aquí, no en Florencia. Aquí ya había escuela de trovadores, se hacía la música más importante de toda Europa».

Con ese punto de partida, Novio considera especialmente grave, e ata sorprendente, o baleiro docente desa parte da historia musical: «En toda España no hay música medieval en los conservatorios. Lo más próximo está en Francia. Eso es fatal en una ciudad como Ourense, o como Santiago, que tienen los pórticos. El pórtico tiene que cobrar vida».

Unha demostración desa vida e dos misterios gardados durante séculos farase ante o público ourensán na igrexa da Trinidade este sábado, no concerto final do curso. Ademais das pezas reproducidas do pórtico da catedral, o recital permitirá contemplar a réplica dunha zanfona que aparece representada nas preciosistas miniaturas das Cantigas de Afonso X O Sabio. O seu son unirase ao do resto dos instrumentos e contribuirá a reproducir o ambiente dunha época salientable na nosa historia. «Las Cantigas están ahí -apunta Valentín Novio-. Siempre hay algo reconocible en las Cantigas, es una música bastante actual; alguna no ha dejado de hacerse desde el siglo XIII hasta ahora».

Os dous especialistas coinciden en que, malia o moito camiño que falta por percorrer e os moitos apoios que non dan chegado, non todo está por facer. «Claramente -indica Novio-, la música medieval ha subido mucho en muy poquitos años, aunque sea insuficiente. Y eso es, en parte, gracias a que tenemos instrumentos que tocar». Hoy sonarán en la Trinidade.

Un concerto con réplicas

Os resultados deste curso de dous meses poderanos comprobar hoxe os ourensáns. Alumnos adolescentes e adultos, mestres e algún intérprete convidado, como Olga Brañas, ofrecerán un concerto, ás 20.30 horas, na igrexa da Trinidade. A entrada é gratuíta. Faranse adaptacións de pezas vocais e algunha de danzas, incluída «Saltarello», a preferida polos estudantes do Conservatorio. En contra do que era habitual nos séculos XII e XIII, explica Roberto Santamarina, boa parte das pezas do concerto serán interpretadas conxuntamente por todos os instrumentistas: «Na época facíanse máis músicas individuais ou voces acompañadas por un instrumento ou dous; o principal era a música vocal e non a orquestra». Empregaranse réplicas de todos os instrumentos que aparecen no Pórtico do Paraíso máis unha zanfona representada nas Cantigas de Afonso X, tamén recuperada no Obradoiro da Deputación.