Morris: «'Dhogs' é unha película que te atrapa polas atmosferas»

OURENSE

cedida

Os cines estrean hoxe a ópera prima de Andrés Goteira, que conta con moitas caras coñecidas

17 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe se estrea en Galicia a película Dhogs, unha ópera prima do director galego Andrés Goteira, que conta no seu reparto con Melania Cruz, Miguel de Lira, Carlos Blanco e Antonio Durán Morris, entre outros.

-¿Que lle viu ao proxecto para entrar nel?

-A primeira vez que me chamaron foi hai dous anos e me entregaron un proxecto moi avanzado, o que pasa é que había partes que non as vía claras porque non sabía como facelas. Pareceume algo ben armado. Tamén influíu que entraran no reparto xente coñecida, como Miguel de Lira ou Carlos Blanco. A gran sorpresa chegou ao empezar a rodar con eles, pouquiño tempo, porque esta película se fixo en pouco tempo. Vin que tiñan unha gran factura profesional.

-¿É un thriller?

-Si, pero tamén hai xénero fantástico e ata o final o espectador non se sitúa moi ben. É unha película que te atrapa polas atmosferas das tres partes. Ao final, o espectador queda tranquilo porque entende minimamente todo o que pasou. Entendes a mensaxe final, pero como é cine fantástico, déixate algunhas cousas abertas. Eu doulle gran mérito a que alguén novo, aquí en Galicia, e sen estar no circuíto sexa capaz de contar o que lle peta.

-¿Como foi traballar con Goteira?

-Tanto Andrés Goteira como o produtor, Suso López, son incribles e moi simpáticos. Houbo un festival ao que non puido ir Suso porque estaba no seu pobo coa campaña da castaña. Andrés, que é enxeñeiro, escribiu esta historia en Edimburgo. Os dous son uns activistas do seu pobo, Meira, en Lugo.

-Pero estamos a falar dunha película universal.

-Si, eles non se andan con coñas, o meu personaxe nin fala; eu creo que é a primeira vez que me premian por non falar, co cal é un camiño a descubrir para non ter que estudar. O seu obxectivo é só cinematográfico, e contan desde as súas apetencias.

-¿Foille complicado actuar sen falar?

-Atopeime moi cómodo. Eu son un voyeur, un taxista que observa todo e despois experimenta unha transformación difícil de explicar sen facer spoiler. Eu o tiña claro, pero ademais está moi ben rodado porque é un tipo ao que se lle está vendo polo espello retrovisor, cunha mirada cara á vida; é un tipo nocturno, que dá voltas, como haberá moitos. Ten moi boa fotografía. A película ten un presuposto mínimo, pero legal, e eu síntome ben tratado; tamén é unha aposta por xente nova e por un tipo de cine.

-¿Está notando o efecto «Fariña»?

-Fariña fixo moito para que o resto de España puxera o foco sobre nós. Eu noto na rúa un aumento de prestixio; é como un subidón colectivo, que hai que agradecerlle a Bambú. Que me chamen máis para traballar aínda non o noto porque é moi recente, pero agardo que si.