«Non se pode aprender sen estudar, iso non é posible»

OURENSE

ALBERTO LÓPEZ

O profesor de neurofisioloxía Casto Rivadulla participa esta tarde nos Encontros Familia-Escola de Vagalume

04 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Os Encontros Familia-Escola de Vagalume continúan esta tarde no Barco de Valdeorras (19.30 horas, no salón multiusos), desta volta coa charla de Juan Casto Rivadulla, profesor de neurofisioloxía na Universidade da Coruña, que falará sobre «Neuromellora. Pódese aprender sen estudar».

-¿Pódese?

-A resposta é que non. É un spoiler da charla, pero o certo é que non. Falarei de técnicas de neuromellora. Hai varias, tanto con estimulación eléctrica como magnética, coas que podemos mellorar dalgunha forma o funcionamento do cerebro. Utilízanse desde hai anos para tratar enfermidades como a depresión ou trastornos obsesivos compulsivos, pero agora úsase para mellorar o funcionamento do cerebro en persoas sas.

-Recorda a aquilo de tomar anfetaminas para estudar...

-É un pouco a mesma historia. As anfetaminas son algo moi global, que aumentan a concentración; e isto é máis local, porque podemos estimular áreas concretas do cerebro. Podemos aumentar a atención ou a memoria, ou mellorar o rendemento dun deportista. Pero non coñecemos as consecuencias. Non é o mesmo utilizar estas técnicas nunha enfermidade, que facelo a demanda segundo as necesidades de cada un.

-¿Úsase?

-Estase utilizando xa, non é experimental. Hai xente en deporte profesional que o está facendo. Empeza a ser habitual velo entre os xogadores de equipos de fútbol americano ou béisbol en Estados Unidos. O que fan é pasar electricidade directamente ao cerebro; e a zona implicada no movemento está sendo sobreactivada. Así, cando vai adestrar, o rendemento vai ser maior que se non estivera esa zona preestimulada. Pero hai que adestrar, non é colocar iso e xa está. Por iso non se pode aprender sen estudar, nin mellorar sen adestrar. Iso non é posible.

-¿Son fáciles de atopar eses aparatos?

-En Estados Unidos si, e ata hai webs que os venden e fan publicidade anunciándoos como algo inocuo.

-¿Non o son?

-Depende do uso. Baixo control médico dun equipo profesional, que vai regular os patróns e os períodos de estimulación... O malo é cando o colle unha persoa que o que quere é correr a maratón da Coruña máis rápido, e úsao sen ningún control médico e pode pasarse usando o equipo. Ademais de que as melloras son pequenas. Cando falamos dun deportista de elite, un segundo nunha carreira de mil metros pode supoñer sen campión olímpico; pero para min baixar un segundo significa chegar un segundo antes á casa cando saio correr. E para iso non poño un aparato na cabeza nin tomo unha pastilla.

-¿É dopaxe?

-Non se considera dopaxe porque é indetectable, porque non hai forma humana de detectalo. Pero sería dopaxe, porque doparse é utilizar métodos para mellorar o rendemento sen adestramento.

-Non é para usar no estudo...

-É que non coñecemos todos os riscos, porque non temos esa medida de dentro de 40 anos como vai afectar ao cerebro. Nunha persoa enferma si, pero nunha sa, só para mellorar o rendemento non o vexo. Eu teño as máquinas no laboratorio e nunca se me dou por usalas de ningún modo.